
O Concello de Chantada ten programada unha nova edición do Festival de Charangas, que se celebrará este sábado 26 de abril ao longo de todo o día. A iniciativa, dirixida a públicos de todas as idades, pretende dinamizar distintos espazos da vila cunha ampla programación musical.
O evento contará coa participación das charangas Europa, Louband, Os Pendellos e Unión Phenosa, formación anfitrioa de Chantada. A xornada arrincará ás 12:30h cunha sesión vermú na Praza de Santa Ana a cargo do artista local André Phmollo (Inzo).
Xa pola tarde, desde as 19:00h as charangas levarán a súa música polas rúas de Chantada. A partir das 21:00h, na Praza de Santa Ana actuará a charanga Europa, e desde as 00:00h a festa trasladarase á praza do Polideportivo Municipal. Alí, actuarán Os Pendellos, Louband e Unión Phenosa, que pechará o festival entre as 2:00h e as 3:00h.
O alcalde Manuel Lorenzo Varela, salientou que “despois de dous anos co Festival funcionando moi ben, neste terceiro ano, a festa está asegurada. Con esta iniciativa queremos chegar tanto a mozos como maiores e levar ambiente a distintos lugares da vila nunha época en que nos visita moita xente. Así dámoslle un pouco de alegría e festa a veciños e visitantes”.•