
Chantada será o escenario, o 1 de maio, dunha nova xornada de tecnificación organizada pola Federación Galega de Montañismo. A cita está dirixida ás categorías infantil, cadete e xuvenil, reunindo a unha vintena de participantes chegados de distintos puntos de Galicia. Durante a xornada, que se desenvolverá entre as 9:00 e as 19:00 horas, o grupo realizará adestramentos técnicos en varios tramos do percorrido do Trail Heroica Sacra, incluíndo as marxes do río Asma, os Codos de Belesar e a subida polo Camiño de Inverno. A actividade conta coa colaboración do Concello, que achega medios e infraestrutura. Segundo o alcalde, Manuel Lorenzo Varela, “é unha honra que Chantada sexa o destino escollido por ambas Federacións para desenvolver estas probas. Ademais poderán vir nenos de toda Galicia”.•