
A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, anunciou que a rehabilitación do firme da N-540, ao seu paso pola provincia, dará comezo tras a Semana Santa. A obra implicará a renovación completa do firme entre os km 0,000 e 68,900, cun investimento de preto de 11 millóns de euros. A actuación mellorará a seguridade viaria neste tramo, realizando un fresado do asfalto existente e a colocación de novas capas de firme, co fin de garantir a estabilidade e adherencia necesarias.
Nas zonas máis deterioradas, procederase á demolición do paquete de firme e á reposición das capas, mentres que os arcéns serán regularizados para mellorar a seguridade de ciclistas e motoristas. A obra tamén inclúe o repintado de marcas viarias e a instalación de elementos de balizamento. Ademais, reposicionaranse elementos como as estacións de aforo e as xuntas de dilatación das pontes existentes.•