
A posibilidade de instalar unha planta de biogás na parroquia de Vilaesteva, no Saviñao, está a xerar unha firme reacción por parte da veciñanza. A Asociación Veciñal do Saviñao vén de facer público un manifesto no que solicita ao goberno municipal que se opoña frontalmente ao proxecto, ao considerar que supón unha ameaza para o medio ambiente, a saúde pública e o modelo de desenvolvemento sustentable da zona. A entidade veciñal critica que a planta non só trataría xurros, senón tamén lodos procedentes de depuradoras urbanas e industriais de toda Galicia.
Entre os principais argumentos esgrimidos pola asociación, destacan o risco de contaminación das augas subterráneas e fluviais, a emisión de gases tóxicos, os malos cheiros e o tránsito constante de camións por estradas locais non preparadas. Ademais, alertan do perigo de accidentes como explosións e incendios, e advirten de que este tipo de instalacións comprometen actividades clave no Saviñao como o turismo rural, a apicultura ou a agricultura ecolóxica.
Para informar á veciñanza e promover o debate, este sábado 26 a Asociación veciñal da parroquia de Vilaesteva organiza unha mesa redonda sobre o tratamento dos xurros e as centrais de biometano, no local social de Currelos. No acto participarán Montse Valcárcel, deputada do BNG e investigadora agroforestal; Daniel Vispo, de Adega; e Elías Somoza, gandeiro e representante de Fruga. A Asociación de Vilaesteva subliña que a xestión dos puríns xa está resolta no municipio grazas ao seu uso como fertilizante e que non existe demanda real para esta planta.
A entidade, apoiada por outras asociacións locais, considera que a instalación contradí os valores ambientais e patrimoniais polos que a Ribeira Sacra aspira a ser recoñecida como Patrimonio da Humanidade, e reclama que o Concello actúe en consonancia coa vontade veciñal.•