O investimento total ascende a 2,445 millóns de euros e permitirá completar a transformación dos 2,7 quilómetros desta vía de entrada á cidade desde o norte

A cidade de Lugo dá un novo paso na súa transformación urbana coa entrada en marcha da última fase das obras de mellora na Avenida Infanta Elena, a principal vía de acceso desde a zona norte. A Deputación de Lugo destina 1,3 millóns de euros a esta nova intervención, coa que completará os últimos 456 metros da avenida, no treito comprendido entre a Glorieta de Garaballa e a de Benigno Rivera.
Esta actuación culmina un ambicioso proxecto de renovación integral da avenida, de 2,7 quilómetros de lonxitude, no que a institución provincial leva investidos 2,445 millóns de euros. O obxectivo é converter a vía nun acceso moderno, funcional e seguro, en liña cun modelo de cidade máis sostible, accesible e pensado para as persoas.
O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, acompañado do Alcalde de Lugo, Miguel Fernández Méndez, participou nunha visita institucional ao inicio das obras. “Será un acceso espectacular, o mellor que vai ter a cidade de Lugo e onde máis falta fai pola afluencia de tráfico”, sinalou o presidente provincial, que avanzou que os traballos poderían estar rematados entre outubro e novembro deste ano.
O novo tramo manterá o deseño xa implantado nas fases anteriores, cun modelo urbano centrado na mobilidade sostible e a seguridade viaria. Así, disporase de dúas plataformas de calzada de 10,25 metros de ancho cada unha, con tres carrís de circulación por sentido. Esta configuración facilitará un tránsito máis fluído nunha das zonas con maior intensidade de tráfico da cidade.
Ademais da nova configuración viaria, o proxecto inclúe un carril bici de 3 metros de ancho, beirarrúas de máis de 4 metros a ambos lados, zonas verdes, mobiliario urbano moderno e iluminación LED. Trátase dunha intervención que busca promover un espazo público máis integrador e amable para a cidadanía, e que tamén incorpora a renovación das redes de abastecemento, saneamento e alumeado público.
Esta actuación responde ás necesidades actuais e futuras da contorna, que podería acoller desenvolvementos urbanísticos no futuro. José Tomé destacou que se trata “dunha obra moi necesaria para ter unha cidade máis accesible, aberta e dinámica”, e puxo o foco na importancia estratéxica desta área da cidade, próxima ao centro comercial As Termas e aos polígonos industriais do norte de Lugo.
Pola súa parte, o alcalde Miguel Fernández valorou positivamente o impacto que esta obra terá para a veciñanza, en termos de mobilidade e calidade urbana. “Significan seguir avanzando cara ese modelo de cidade que defendemos: un Lugo aberto, onde se gañan espazos públicos para a veciñanza, e onde se prioriza a seguridade tanto dos peóns como do tráfico rodado”, afirmou.
O rexedor agradeceu o compromiso da Deputación cun investimento que considera clave para a mellora da mobilidade na zona norte da cidade. “O remate do desdobramento de Infanta Elena será determinante”, asegurou, referíndose a unha actuación que permitirá conectar con maior eficacia esta zona co resto da cidade.
Dende a Deputación de Lugo lembran con este proxecto a súa aposta por infraestruturas modernas, seguras e adaptadas ás necesidades da cidadanía.•
COLABORACIÓN INSTITUCIONAL

O desdobramento da Avenida Infanta Elena é un exemplo de colaboración institucional e de investimento público transformador, que mellora non só a mobilidade da cidade, senón tamén a calidade de vida da súa veciñanza e das persoas que se desprazan diariamente pola zona.•