
Monforte volveu mergullarse na súa historia durante a fin de semana do 19 e 20 de abril coa celebración da XXI Feira Medieval, unha das citas máis esperadas do calendario festivo da cidade. A programación comezou oficialmente o sábado ás 12 da mañá no salón de actos da Casa da Cultura, coa lectura do saúdo inaugural por parte do alcalde, José Tomé Roca. No seu discurso inaugural, o alcalde destacou a importancia histórica de Monforte como cidade comercial no medievo e lembrou a súa refundación no ano 1104, así como a organización de feiras polos Condes de Lemos para atraer poboación. O rexedor expresou o desexo de que esta edición sexa a última sen o recoñecemento oficial como festa de interese turístico de Galicia, un distintivo solicitado formalmente á Xunta en outubro do pasado ano.
A pesar das inclemencias meteorolóxicas, que obrigaron a suspender ou reducir algunhas actividades ao aire libre, o público respondeu cunha notable participación, sobre todo o domingo, cando a mellora do tempo permitiu recuperar o ambiente festivo. As rúas do centro histórico enchéronse de visitantes que percorreron os 140 postos instalados, cinco máis ca no 2023, repartidos entre gastronomía, comercio e artesanía. Houbo animación a cargo de sete grupos, e as actividades desenvolvéronse en espazos repartidos por varias rúas e prazas da cidade, co epicentro na praza de España. Alí tamén se celebrou a entrega de premios dos concursos de decoración e traxes, que puxeron o broche final á festa o domingo pola tarde. No certame de decoración de comercios e hostalería, O Salgueiral fíxose co primeiro premio, seguido de Chuladas e máis e Pizzería Versalles; Carpe Diem recibiu un accésit. Na categoría de balcóns, o galardón principal foi para a asociación de veciños A Pinguela, mentres que o segundo e terceiro postos foron para Belén Prieto Robisco e Oriana Sulheyll López Caballero, respectivamente. Tamén se concedeu un accésit á Asociación Española contra o Cancro polo seu balcón decorado por María Milagros Aira Rodríguez.
En canto aos traxes, resultaron premiados Héctor Manuel Díaz López, Alba Fuentes Pavón e Martina Díaz Fuente na categoría de adultos en parella, seguidos por Sara García Mazas e María del Carmen Figueiras Pérez. En individual, Miryam Losada Rodríguez obtivo o primeiro premio e José Iglesias Díaz o segundo. Na categoría infantil, Mateo e Leo Díaz Uceira destacaron como mellor parella, mentres que Noa Neira Copa e Sara Neira Copa ocuparon o primeiro e segundo posto en individual.
As tendas de roupa medieval traballaron a contrarreloxo nos días previos, incluso abrindo o Venres Santo para atender os últimos encargos. A implicación veciñal, unha vez máis, foi decisiva para ambientar as rúas cunha estética de época.
Entre as actividades destacadas do programa mantivéronse as xustas no colexio dos Escolapios, o campamento infantil na praza de España e os espectáculos de cetrería no Campo de San Antonio. A chuvia obrigou a cancelar as xustas o sábado e reduciu a actividade infantil, pero o domingo celebráronse con normalidade. Un dos momentos máis concorridos foi a saída do dragón dende a praza de España ás oito da tarde, que percorreu as rúas ateigadas de xente. Tamén tiveron boa acollida o concerto de Grimorium, a subida con fachos a San Vicente e o espectáculo “Lúa” con Tamara Pérez.
Co peche do evento, a organización fai un balance positivo malia as dificultades meteorolóxicas. A boa acollida por parte do público, especialmente o domingo, reafirma o peso da Feira Medieval como referente turístico e cultural da comarca.•