Mario Colomán:“Pretendo reconectar á xente coa poesía e coa música”

Mario Colomán, coa súa guitarra está a trazar xunto a The Clocks Band, un camiño comprometido co dinamismo e a poética das súas composicións. (Foto MC).

Mario Colomán é letrista, compositor e ideólogo dun proxecto que naceu coa vontade de unir palabra e música sobre os escenarios. O de Quiroga, tras un tempo acumulando cancións na maleta, decidiu fundar The Clocks Band, formación coa que desenvolve un estilo propio que bebe do rock, da poesía e da tradición dos grandes contadores de historias. Nos concertos non só se interpreta música: hai lugar para poemas, presentacións insólitas e espazos nos que cada músico se expresa libremente. Con influencias que van de Krahe a Springsteen, Colomán aposta por unha proposta artesanal e fonda nun tempo marcado pola inmediatez. Agora preparan o seu primeiro disco e amplía a banda para levar o espectáculo un chanzo máis arriba.
P: Quen é Mario Colomán? Como te definirías como artista?
R: Mario Colomán debe ser algo así como un equivalente a min sobre os escenarios. Vén sendo un estratega da tinta antes que un músico, porque os músicos de verdade son eles. Mario Colomán é letrista e compositor. Como artista, sen ter en conta a The Clocks Band, son bastante detallista co desenvolvemento dos concertos para ofrecer sempre algo novo, como as presentacións dos músicos a modo de canción para cada evento ou os poemas e relatos entre os temas. Gústame darlles o seu espazo aos músicos na tarima para sacar o que levan dentro, xa sexa a través de solos ou movemento. Son moi perfeccionista coas letras das miñas cancións; quizais ese sexa o selo das miñas composicións, pois pretendo reconectar á xente coa poesía e coa música. Pode que o que máis sorprenda ao público sexa a comuñón entre o dinamismo e a forza do que presentamos en directo co significado e o rigor da palabra.

P: Cóntanos un pouco sobre como xurdiu o proxecto de Mario Colomán & The Clocks Band.
R: O proxecto xorde cando decido poñer sobre un escenario as cancións que fun gardando na maleta co tempo. Tras unha etapa moi fértil de composición, pasei uns meses vendo moitos concertos e sentín que iso era o que quería facer. Sentín o impulso de mostrar o que podía ofrecer, non sei moi ben por que, pero sucedeu así. Un día, tomando algo con Brais Fernández, o baixista, propúxenlle formar un grupo e fun recrutando un a un os membros ata formar The Clocks Band. A idea era crear unha síntese entre un autor de letras e unha banda de rock que nos dera a profundidade, o son, o espectáculo e a enerxía necesarias para lanzar a miña visión musical. Unha visión que axiña se converteu nunha amalgama de perspectivas nas que, cada un de nós, vémonos dun xeito ou doutro representados.

P: Con Javier Krahe como un dos teus máximos referentes na composición, a importancia das letras é evidente en cada canción que publicas. Que papel cumpren para ti a letra e a música nesa interacción que culmina na canción?
Alegra me que menciones a Krahe como un dos meus máximos referentes, porque non me preguntan nunca por el e efectivamente si que o é. Vou responder cunha reflexión súa sobre o papel das letras nas cancións que non podo considerar máis acertada. É sabido que, asombrosamente, as cousas que dis nunha canción, as cales consideras moi privadas, son recibidas como se formaran parte da experiencia de quen as escoita. Por iso, ademais dunha música que atrape e conquiste, é preciso acompañar cunha historia na que poidamos mergullarnos como se dun libro se tratase. Máis dunha vez un sorpréndese a si mesmo ao escoitar unha boa canción varias veces e descubrir que non di o de sempre, aínda cando di o mesmo.

P: Na era da inmediatez e da lixeireza na composición, onde sitúas o teu proxecto musical nesta voráxine de produtos novos que saen cada día na industria? É posible que o oínte se deteña a escoitar coa atención que merece a música que cultivas?
R: Creo firmemente que sempre haberá espazo para un contido con moito traballo detrás. Non me queda outra que crelo porque é o que eu mamei. Un estilo derivado de Krahe, Bruce Springsteen, Mark Knopfler, Sabina… ten o seu nicho, claro que o ten. O que pasa é que para o arte hai que deterse, o arte non se pode pensar coma un produto, non nos temos que muxir como vacas, o arte ten que ser un proceso de autorreflexión que precisa de calma.
O oínte actual non é parvo, temos moi sinalados aos oíntes como “culpables” da situación musical, pero a día de hoxe estanse facendo traballos impecables na música e non chegan porque non se promocionan por non teren a facilidade de enlatarse e ter un consumo inmediato. É moi simple: se a calquera ser vivo lle estás dando algo que poida consumir rapidamente e sen preguntarse que é, vaino tomar. Proba a darlle algo elaborado coa mesma accesibilidade e a situación cambia. A realidade é que a nosa música non é para ningún ilustrado nin moito menos; a nosa música é para nós, e aí xa cada quen a recibe se lle gusta ou non. Eu atópoa bastante divertida, e o certo é que ningún de nós é ningún erudito.

P: As primeiras cancións que publicastes tiveron moi boa acollida entre a xente, e tamén responderon ben nos concertos que destes. Cal é o seguinte paso?
R: O venres 18 démoslle estrea na Feira do Viño de Quiroga a un par de temas novos, un rock e un de funk, que tiveron moi boa acollida. A idea é seguir pasiño a pasiño, como estamos indo: facer novos temas e, ao xuntar unha escolma duns dez, gravar un álbum neste 2025. Ademais, estamos traballando na incorporación de novos músicos que tivemos de convidados neste último concerto para ampliar así a plantilla de The Clocks Band e dinamitar o noso show a un novo plano.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

A Deputación inicia a última fase das obras de mellora na Avenida Infanta Elena de Lugo

Seguinte Nova

Novo servizo de autobús para mellorar a mobilidade do rural

Últimas noticias sobre PORTADA

Ir aInicio

Don't Miss