O novo transporte público de Monforte será gratuíto, accesible e adaptado, cun investimento de máis de 1,1 millóns de euros ao longo de dez anos

Foto GPCM.
O Concello de Monforte vén de anunciar a licitación dun novo servizo de transporte público de viaxeiros dirixido especificamente á poboación das parroquias rurais. O alcalde, José Tomé Roca, presentou este xoves a iniciativa como “un paso fundamental para mellorar a calidade de vida da veciñanza que reside no rural e que, por idade ou por falta de medios, ten dificultades para desprazarse ao centro urbano para realizar as súas xestións cotiás”.
O contrato, cun valor estimado de 1.123.276 euros e unha duración de dez anos, inclúe a posta en marcha do servizo nos tres meses posteriores á sinatura. A primeira anualidade, de 323.787 euros, destinarase principalmente á adquisición do autobús, un vehículo adaptado da marca Mercedes con 40 prazas, plataforma de acceso para persoas con mobilidade reducida, xeolocalizador GPS e sistemas de información audiovisual e sonora.
O novo autobús rural funcionará de luns a venres, entre as 08:00 e as 15:00 horas, cunha ruta diferente cada día que conectará as principais parroquias co centro da cidade, pasando pola estación de tren, a de autobuses, o Hospital Comarcal e o estacionamento do Parque dos Condes. Ao final dos dez anos, o vehículo pasará a ser propiedade do Concello, o que permitirá reducir custos futuros na renovación do servizo.
O alcalde destacou o carácter social da medida, asegurando que “estou seguro de que a posta en marcha deste autobús de transporte municipal para viaxeiros, cumprirá un fin social, e, ó mesmo tempo, axudará a fomentar e concienciar sobre o uso do transporte público, pasando a ser Monforte, unha cidade pioneira en transporte público gratuíto para a zona rural, xa que, que saibamos, non hai algo semellante que estea funcionando neste momento”.•