
A parroquia de Vilachá de Salvadur acollerá do 2 ao 4 de maio a edición número 32 da Feira do Viño, que se celebrará no singular conxunto de adegas da Abelaira. Participarán cinco adegas profesionais —Adega Vella, Bico de Lagar, Casa do Curuxo, Sernande e Tolo do Xisto— xunto con sete colleiteiros en réxime de furancho que xa estiveron noutras edicións: Fidalgo, José Rodríguez López, Morales, O Currio, Os Conventos, Outeiro e Carlos Vázquez Díaz. Tamén asistirá como adega convidada Antonio Portela, de Viños do Mar, no Morrazo.
O programa arrancará o venres cunha pasadegas musical a cargo do músico e sumiller Juanjo Figueroa. O sábado ás 13:00 horas celebrarase a cata ‘Oralidade, pel e madeira’, guiada por Figueroa e Cristina Alcalá. O domingo, Alcalá —comunicadora e especialista en cultura do viño— será a encargada do pregón. Actuará tamén o alumnado da Escola de Música Samoeiro. A xornada pecharase cunha cata-concurso de viños de furancho e o sorteo dunha noite con circuíto termal para quen visite todas as adegas.•