
O programa de educación ambiental MeteoEscolas, impulsado pola Xunta de Galicia, está a rexistrar cifras récord de participación no curso 2024-2025, superando os 10.300 escolares e achegando ao redor de 700 profesionais da docencia. Esta cifra confirma o éxito dunha iniciativa que, desde a súa posta en marcha no ano 2012, baixo o Plan Proxecta da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, pasou a formar parte do programa máis amplo Mocidade polo Clima.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, subliñou o importante impacto deste programa durante a súa visita ao Centro de Educación Especial Infanta Elena de Monforte de Lemos, un dos 42 centros educativos que participaron na edición anterior do programa e un dos 24 seleccionados como «MeteoEscolas Excelentes» polo seu labor destacado na investigación sobre o clima e a meteoroloxía. Aínda que a participación no programa aumentou considerablemente nos últimos anos, algúns centros tiveron que quedar fóra por falta de prazas, o que evidencia a alta demanda.
A responsable autonómica destacou que MeteoEscolas é un dos programas máis exitosos de Mocidade polo Clima, unha iniciativa transversal que busca formar, informar e incentivar á mocidade de entre 3 e 35 anos a actuar fronte ao cambio climático. A súa finalidade é sensibilizar á sociedade desde as escolas, facendo un especial énfase na importancia de coñecer os factores que inciden nos fenómenos meteorolóxicos e nas accións que aceleran o quecemento global.
Vázquez tamén subliñou a relevancia da implicación da mocidade, destacando que a súa participación será clave para acadar os obxectivos climáticos da comunidade galega, que busca alcanzar a neutralidade climática no ano 2040, dez anos antes do previsto a nivel europeo. Para lograr esta meta, resaltou que é imprescindible que a nova xeración asuma un papel activo na loita contra o cambio climático.
En relación ao CEE Infanta Elena de Monforte, a conselleira agradeceu ao equipo docente o seu compromiso co medio ambiente e o traballo realizado para implicar ao alumnado na mellora do seu entorno. O centro, que participou activamente no programa MeteoEscolas durante o curso 2023-2024, destacou pola súa labor na sensibilización e formación do alumnado, un grupo de 24 rapaces que aprenderon sobre as distintas cuestións climáticas e meteorolóxicas que afectan a súa contorna.
O centro de Monforte foi un dos 24 seleccionados pola súa excelente participación, sendo recoñecido como MeteoEscolas Excelente. Esta distinción premia aos centros que destacan polo seu traballo na investigación e análise dos fenómenos meteorolóxicos, demostrando que a ciencia tamén se pode aprender e practicar desde as aulas. A actividade máis destacada desta edición foi un obradoiro de reciclaxe no que o alumnado puido comprobar o proceso de transformación de residuos plásticos en novos obxectos de utilidade, unha experiencia práctica que se saldou con grandes resultados.
Durante a súa visita, Ángeles Vázquez estivo acompañada pola Tenente Alcalde de Monforte, Gloria Prada, aue amosou a súa satisfacción por recibir á conselleira e subliñou a importancia de iniciativas como esta para sensibilizar á cidadanía, especialmente á máis nova, sobre a necesidade de adoptar hábitos de consumo responsables e de coidar o medio ambiente.
A Tenente Alcalde tamén destacou a importancia de manter a educación ambiental como unha prioridade nas escolas, asegurando que as xeracións futuras son clave para a loita contra o cambio climático.•