
O ciclo musical do verán na Ribeira Sacra regresa este venres 16 de maio cun novo nome e a promesa de experiencias memorables. A adega chantadina Vía Romana acollerá a primeira das Noites Méndez-Rojo, evolución natural do consolidado Venres Méndez-Rojo, que mestura viño, gastronomía e música en directo nun escenario privilexiado sobre o val do Miño.
CONCERTO DE JAVIER OJEDA
Esta primeira velada contará cun convidado de excepción: Javier Ojeda, vocalista da lendaria banda Danza Invisible e unha das voces máis recoñecibles da movida e da new wave estatal. O artista ofrecerá un repertorio que incluirá temas icónicos como Sabor de amor, Sin aliento ou A este lado de la carretera, nun ambiente que convida á emoción e á nostalxia.
VIÑO E GASTRONOMÍA
As Noites Méndez-Rojo combinan cultura e produto local. Ademais dos viños da propia adega, haberá propostas gastronómicas elaboradas por A Faragulla, xeados artesáns da Central Heladera e aperitivos de Frutos Secos Medina. A entrada custa 20 euros e inclúe copa de benvida. Existe tamén unha modalidade de 25 euros con transporte desde Chantada, previa reserva e prazas limitadas.
“O que buscamos é compartir o que somos a través da música e do viño”, explica Juan Luis Méndez Rojo, impulsor do ciclo. “Queremos que cada persoa relacione os nosos viños cun recordo especial, cun intre que permaneza”.
O ciclo contará cun segundo concerto ao longo do verán, con artista aínda por anunciar, pero esta primeira cita xa apunta a converterse nunha noite inesquecible entre viñedos e cancións.•





