
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, desprazouse o pasado 7 de maio a Chantada para visitar as instalacións de Daveiga, no marco do Comité de seguimento rexional do Plan Estratéxico da PAC (Pepac). Acompañada por altos cargos do seu departamento, a conselleira puxo en valor o labor desta empresa lucense como referente de innovación e transformación dentro do sector agroalimentario.
Durante a visita, Gómez salientou o papel pioneiro de Daveiga na introdución das Galletas Mariñeiras no mercado, un produto que conta cun importante potencial de crecemento. A titular de Medio Rural destacou a aposta da compañía pola innovación como un modelo a seguir e lembrou que Daveiga é beneficiaria das axudas destinadas á transformación e comercialización de produtos agrarios, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (Feader).
Desde 2015, a firma chantadina recibiu preto de 1,5 millóns de euros para a execución de distintos proxectos orientados a consolidar a súa presenza no mercado. Entre estas actuacións destacan a construción dun novo obradoiro industrial, a adquisición de equipamento para ampliar a capacidade produtiva e a creación dunha liña multiproduto de panadaría de longa duración, adaptada á elaboración de produtos sen glute. Ademais, tamén se financiou a instalación de máquinas na área de envasado.
Daveiga naceu arredor do ano 2005 da man de tres irmáns, entre eles Xosé Lois Lamazares, que pouco despois puxeron en marcha unha liña de produción ecolóxica. A empresa mantén o seu compromiso coa economía social e co desenvolvemento do medio rural galego.•