ENTREVISTA A JAVIER OJEDA:Cantante e compositor da mítica banda de pop Danza Invisible

Por Mateo L. Veiga

Javier Ojeda, cantante e compositor da mítica banda de pop español Danza Invisible, ten unha actuación na Bodega Vía Romana de Chantada este venres 16 de maio. (Foto AJ).

Ditosos aqueles apoteósicos anos 80 e 90 nos que o rock se entendía como unha filosofía vital e a música española como un acto de rebeldía. A etapa do bulicio underground, da efervescencia creativa, do éxtase absoluto da mocidade… Décadas lembradas con morriña polas xeracións pasadas que medraron coa febre da Movida, idealizadas polos fillos e sobreviventes plausibles ás inmediacións dun tempo misericordioso coas historias de lenda. Desde EnComún Crónica do Sur de Lugo, tivemos a oportunidade de entrevistar a Javier Ojeda, cantante e compositor da mítica banda de pop español Danza Invisible, con ocasión da súa actuación na Bodega Vía Romana de Chantada. Javier nos fala sobre a convivencia coa fama, a transición ás directrices da contemporaneidade e o camiño de renovación para ocupar un novo lugar na industria despois de ter tocado o máis alto.

P: Quen é Javier Ojeda? Como te definirías como músico e como persoa?
R: Como persoa non son eu quen para xulgarme, iso que o faga a xente de fóra. Como músico si que che podo dicir que creo que son moi expresivo, moi arrebatado, e sempre cun compoñente de risco. Son un músico bastante persoal á hora de interpretar, de escoller repertorio, e teño algo moi bo: sempre intento facer a mellor música que poida facer. Ás veces consígoo máis, outras menos, pero nunca busco gravar algo só para ter éxito. Se gravo un proxecto discográfico e teño a sorte de que coincide con certo éxito, pois mellor.

P: Como describirías a etapa de maior apoxeo de Danza Invisible? Como se leva, de novo, a popularidade tanto aquí como en Latinoamérica?
R: Fun moi feliz. Só tivemos un pequeno momento de crise, arredor do ano 93, cando as relacións persoais se deterioraron moito co noso batería e un dos membros fundadores, Ricardo Teixidó. Pero, unha vez solucionado iso, o resto dos 90 gozámolos como nenos. De todos os tópicos do rock —sexo, drogas, pasalo en grande, ser novo e viaxar por toda España— disfrutámolos, e case non vivimos os aspectos negativos.
Se teño que sinalar algo negativo, diría que nos anos 90 caemos, artisticamente (non persoalmente), na rutina da banda de éxito que empeza a xirar, monta un repertorio nos ensaios que logo interpreta sen cambios durante todo o verán, logo paramos un mes, logo encerrámonos a compoñer… En fin, persoalmente pasámolo xenial, pero perdemos ese factor de risco. Por iso empecei a compaxinar a miña carreira con Danza Invisible, cos que me levo xenial, coa miña carreira en solitario, na que busco, desde o ano 2000, esa sensación de aventura dos inicios.
P: No 2000 comezas a túa carreira en solitario, pero xa estamos no ecuador de 2025 e a industria cambiou moito. Como vives esa transición? Como é esa renovación para situarte noutro lugar na industria?
R: Entendo o que dis. Por un lado, síntome moi afortunado. Toda a miña xeración desenvolveuse na época máis brillante da música nacional, porque foi a única vez que a música underground se fixo mainstream, un fenómeno moi único. Por exemplo, Golpes Bajos só podería ter éxito nos 80, ou Siniestro Total, por citar dous exemplos galegos. Iso xa non ocorre. Agora está moi separado o que é música interesante e música de consumo. Naquel entón, as radios pinchaban música moito máis arriscada.
Isto fai que a nosa xeración sexa moi lembrada con cariño, e iso dálle moita vantaxe ás bandas da nosa época, que seguimos facendo moitos concertos e funcionamos ben.
O negativo? Que a xente da nosa idade resístese a escoitar as novas tendencias, e tamén que o público só quere escoitar os vellos éxitos, dálle igual se publicas algo novo. Por exemplo, estou preparando un novo álbum para finais de ano, e sei que non me fai falta, sei que terá pouca repercusión, pero fágoo porque axuda á contratación e, sobre todo, porque me fai inmensamente feliz. Faime sentir que non son unha figura caduca. Claro, teño que seguir tocando os vellos éxitos para vivir disto, pero todo é cuestión de atopar un equilibrio que, máis ou menos, vou logrando co tempo.

P: Estás en fase de produción dun novo disco. Como compositor, que pesa máis: letra ou música?
R: Tal e como asino as cancións, dúas partes para a música e unha para a letra. Creo que unha letra brillante cunha música mediocre non ten futuro. En cambio, hai cancións extraordinarias con letras moi simples. Hai exemplos claros nos primeiros anos dos Beatles ou nas letras de Stevie Wonder, que traducidas soan bastante simplonas, pero son temazos igualmente.

P: Como é a relación cos vellos éxitos? Que se sente ao interpretalos despois de tantas veces?
R: Teño unha resposta moi sinxela para iso. Este ano, co grupo, teño 37 cancións no repertorio, é dicir, teño montados dous concertos distintos de hora e media. Entón, adoito cambiar o repertorio en cada concerto para non aburrirme e manter viva á banda.
Cos temas emblemáticos, poño un exemplo claro: con Sabor de amor, mentres existía Danza Invisible, tiñamos un arranxo distinto, rearmonizado, cun comezo lento, unha parte central sorprendente… E agora que Danza Invisible xa non existe, interprétoa máis próxima á versión orixinal, pero ao ser músicos distintos, colle outro matiz. Ademais, temos un final semiimprovisado segundo o que pase co público, o que lle dá unha vidilla interesante.
Tamén con Este lado de la carretera, como hai outros músicos e levamos un saxofonista extraordinario, a canción soa completamente nova, e iso que a levo tocando toda a vida. Así que, xa ves, a xente di de min que son hiperactivo, pero o que son é unha persoa inqueda, e atrévome a dicir que, se non son o músico menos acomodado dos anos 80, estou entre os cinco primeiros, seguro.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Recollen bicicletas en desuso para doalas a persoas que as necesiten

Seguinte Nova

A chantadina Concha de Agrade protagoniza o primeiro episodio de “Folcast”

Últimas noticias sobre CULTURA

Ir aInicio

Don't Miss