
Sarria acollerá este domingo, 18 de maio, o festival Move os marcos, unha iniciativa cultural promovida pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo que conxuga música, activismo, literatura e gastronomía. O evento nace en lembranza do editor e promotor cultural Marcos López e busca crear un espazo de lecer comunitario con reivindicación da diversidade, da lingua e do territorio.
As actividades desenvolveranse no parque do Chanto e no Meigallo ao longo de toda a xornada. Destacan os concertos de Mondra, que presenta o seu novo disco De Ronda, e o cuarteto De Vacas, que compartirán un peche conxunto no escenario.
Haberá tamén recitais poéticos, intervencións artísticas e palestras sobre dereitos LGTB e lingüísticos.
O programa inclúe propostas para público infantil e unha zona gastronómica con produtos locais. A Deputación subliñou a calidade artística e o compromiso social dunha cita pensada para atraer visitantes de toda Galiza polo Día das Letras Galegas•