
A Consellería do Medio Rural trasladou á Comisión Europea a necesidade de que a futura Política Agraria Común (PAC) dispoña de recursos suficientes e dun fondo propio forte que permita seguir apoiando o desenvolvemento sostible do medio rural galego, tanto no eido económico como no ambiental.
XUNTANZA EN BRUSELAS
A conselleira María José Gómez formulou esta petición durante unha xuntanza mantida en Bruxelas co director xeral adxunto en funcións da Dirección Xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural da Comisión Europea, Diego Canga, na que tamén participou o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte.
Durante o encontro, a titular de Medio Rural destacou as especificidades do sector agroalimentario galego e do seu territorio, factores que condicionan o traballo diario das explotacións agrogandeiras e que, segundo sinalou, deben ser tidos en conta no deseño da nova PAC, para garantir a continuidade dunha actividade viable e sustentable en Galicia.
A conselleira incidiu tamén na necesidade de avanzar nunha simplificación administrativa que facilite a aplicación da PAC aos profesionais galegos do sector. Neste sentido, expresou o seu interese en que o novo paquete de simplificación presentado esta semana pola Comisión Europea recolla medidas que resulten beneficiosas para a comunidade galega.
En canto á política arancelaria dos Estados Unidos, Gómez apelou á apertura de canles de diálogo entre os distintos actores implicados, co obxectivo de suprimir os aranceis recíprocos que afectan aos produtos primarios. Ao mesmo tempo, insistiu en que Galicia continuará reforzando a promoción do agroalimentario galego e a aposta pola diversificación dos mercados exteriores.
SECTOR VITIVINÍCOLA
No sector vitivinícola, defendeu un incremento das medidas de apoio, como axudas á promoción dos viños dentro e fóra da UE, reestruturación de viñedos, innovación nas adegas ou dixitalización.
A xornada de traballo completouse cunha reunión cos representantes de COPA-COGECA, centrada na relevancia do cooperativismo como ferramenta clave para o desenvolvemento do rural galego.•