
A axenda cultural e social do concello de Pantón chega cargada de propostas para todos os públicos nas vindeiras semanas. A Casa da Cultura acolle ata o 31 de maio a exposición fotográfica Nepal, o sorriso da alma, obra do fotógrafo autodidacta Seve Ferreiro. A mostra, composta por máis de vinte imaxes tomadas durante unha viaxe ao Nepal no ano 2022, constitúe unha viaxe visual e emocional por aquel país asiático. “Nepal é o mellor país para sacar fotografías ás persoas porque sempre teñen un sorriso na cara”, afirma Ferreiro. O autor, que se estreou expoñendo no Arenteiro Fotográfico de 2023, busca reflectir non só o aspecto físico senón tamén o interior das persoas retratadas. “Quería transmitir emoción, autenticidade, captar a alma da persoa”, explica. A mostra inclúe escenas que evocan tempos pasados en Galicia, coas súas tendas tradicionais e oficios xa desaparecidos.
A exposición chega a Pantón da man da colaboración que o Concello mantén coa asociación fotográfica O Potiños, unha entidade moi activa na promoción da cultura visual na comarca.
Por outra banda, o luns 20 de maio celebrarase un obradoiro de promoción do bo trato baixo o título O teu corpo é teu. A actividade, que terá lugar entre as 19:00 e as 21:30 horas, está dirixida a mulleres adultas e organízase en colaboración coa entidade Outonía dentro do marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Para máis información e inscricións, as persoas interesadas poden contactar co número 622 83 41 64 ou achegarse aos servizos sociais do Concello.
Xa o sábado 24 de maio, de 9:30 a 14:00 horas, Pantón será escenario dun encontro para pacientes oncolóxicos e os seus familiares, organizado pola Asociación Española contra o Cancro coa colaboración da Consellería de Política Social e Igualdade. A proposta, denominada Tecendo redes polo románico do Miño, terá como punto de encontro o Mosteiro de San Salvador de Ferreira, desde onde se iniciará unha ruta en coches particulares polas igrexas de San Miguel de Eiré, San Paio de Diomondi e Santo Estevo de Ribas de Miño, así como unha visita ao Ecomuseo de Arxeriz. As prazas son limitadas e cómpre inscrición previa nos teléfonos 900 100 036 ou 651 043 792, ou ben no correo electrónico lugo@contraelcancer.es.•