Os dez proxectos finalistas poderán acceder a un plan de asesoramento individualizado e talleres grupais para impulsar o emprendemento rural

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, vén de participar na presentación das novidades da XI edición do Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra. A cita, celebrada no Parador de Monforte de Lemos, puxo o foco na dimensión formativa e de acompañamento estratéxico desta nova convocatoria, coa que se busca promover iniciativas innovadoras para dinamizar o medio rural.
Unha das principais novidades é a posta en marcha dun bono de asesoramento para os dez proxectos que resulten finalistas e que desexen participar nesta iniciativa. A través deste servizo ofrecerase apoio en áreas clave como a formulación de modelos de negocio sostibles, a xestión financeira, o acceso a financiamento, as titorías individualizadas e a organización de obradoiros grupais para fomentar a colaboración entre proxectos.
As persoas interesadas en presentar as súas ideas empresariais poden facelo ata o 31 de maio a través da web sementeribeirasacra.org. Os proxectos deben contar cun título, descrición xeral, estimación do investimento, postos de traballo previstos, puntos fortes, oportunidade de mercado, cronograma e outros datos clave. Os tres primeiros clasificados recibirán premios de 10.000, 6.000 e 4.000 euros respectivamente. A fase final terá lugar o 8 de novembro no Parador de Monforte.•