
Foto IGV.
Interior Galego Vivo (IGV) solicita á Deputación de Lugo a mellora da infraestrutura no lugar de Belesar, no Concello do Saviñao, para solucionar os problemas de circulación de autobuses. O colectivo destaca que, a pesar da creciente afluencia turística á zona, o vial LU-P-1804, con titularidade provincial, presenta deficiencias que dificultan as manobras dos vehículos grandes, especialmente na intersección coa LU-P-1819, á altura da ponte. A falta de sinalización adecuada no antigo solar da escola tamén impide o correcto virado dos autobuses.
IGV propón actuacións simples e rápidas, como mellorar a intersección e sinalizar o espazo na zona escolar para facilitar a circulación. A agrupación tamén lembra a necesidade de atender as fochancas e o estado do firme das estradas, ademais de dotar a zona de varandas de seguridade.•