
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o presidente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, Luís Fernández Guitián, asinaron esta semana un novo convenio de colaboración entre ambas entidades, mediante o cal a institución provincial destina 25.000 euros ao Consorcio co obxectivo de reforzar o desenvolvemento da súa actividade e a proxección turística da Ribeira Sacra.
A sinatura celebrouse na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos. Alí, Tomé subliñou que esta achega responde á vontade da Deputación de seguir apoiando as tarefas de promoción e comercialización da zona sur da provincia. “Renovamos un ano máis o compromiso coa Ribeira Sacra a través dunha colaboración estable e eficaz”, explicou.
O Consorcio mantén activo un servizo de consultoría dirixido tanto a concellos como a axentes privados, ademais de encargarse da difusión turística mediante medios convencionais e dixitais. Outras das súas funcións inclúen a revisión da sinalización, a xeolocalización de recursos ou a distribución de material promocional nos puntos de información turística da comarca e do resto de Galicia.
A entidade tamén xoga un papel relevante na candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade. A proposta, reformulada co foco na paisaxe cultural da auga, será avaliada en 2026. Tomé lembrou a implicación da Deputación neste proceso desde o ano 2011, cando se iniciou a campaña institucional e social baixo a presidencia de Gómez Besteiro.
“Potenciar o turismo da provincia é unha prioridade para este Goberno”, concluíu Tomé, que defendeu un modelo sostible e centrado na experiencia do visitante.•