
Seoane do Courel acolleu o sábado 17 de maio unha das poxas máis destacadas da tempada para a raza Rubia Galega, organizada pola Asociación de Criadores (Acruga). O evento, celebrado no recinto feiral da localidade, reuniu a gandeiros e gandeiras de distintos puntos da provincia de Lugo nunha xornada que combinou actividade comercial, tradición e dinamización do rural.
A subasta contou coa participación de 17 explotacións inscritas, que competiron pola adquisición de tres novillas preñadas procedentes do centro de recría da Granxa Gayoso Castro, dependente da Deputación de Lugo. Os animais, de entre 21 e 24 meses e preñados de aproximadamente tres meses, chegaron a este centro desde explotacións de Becerreá, Toques (A Coruña) e A Fonsagrada.
As tres reses foron finalmente adquiridas pola mesma explotación, a de Estrella Rodríguez Pío, de Pedrafita do Cebreiro, por un prezo medio de 3.733 euros, o máis elevado rexistrado ata o momento nesta campaña. Unha das novillas alcanzou os 4.300 euros, marcando un récord anual nas poxas organizadas por Acruga. En comparación, a última poxa celebrada este mes en San Isidro de Sarria rexistrara un prezo medio de 2.833 euros.
O prezo de saída por exemplar foi de 2.200 euros, e os compradores beneficiáronse dunha axuda directa de 200 euros por animal, achegada por Caixa Rural Galega como incentivo á mellora xenética da cabana gandeira.
AMBENTE FESTIVO E PRESENZA INSTITUCIONAL
A poxa desenvolveuse no marco dunha feira que tamén incluíu postos de artesanía, produtos locais, plantas, sementes, polbo á feira e música en directo, recuperando o espírito das feiras tradicionais da montaña luguesa e reforzando o seu papel como espazo de encontro e dinamización do sector primario.
A presenza institucional estivo encabezada polo Deputado de Medio Ambiente, Carlos López López, quen destacou o papel da Granxa Gayoso Castro como centro de referencia na formación e investigación agrogandeira, e como un dos piares do apoio ao sector primario que desenvolve a Deputación de Lugo.•