O programa 1ª experiencia profesional conta cun orzamento de 6,3 millóns de euros

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou recentemente a convocatoria do programa 1ª experiencia profesional, unha iniciativa dotada con 6,3 millóns de euros, o que supón un aumento de máis de dous millóns respecto ao exercicio anterior. O obxectivo da medida é impulsar a inserción laboral de 650 mozos e mozas menores de 30 anos mediante contratos formativos de doce meses a tempo completo.
As axudas están dirixidas a empresas, persoas traballadoras autónomas, sociedades civís e comunidades de bens que contraten mozos e mozas galegos que se atopen en situación de desemprego e figuren inscritos no Servizo Público de Emprego. A convocatoria establece dúas liñas de axuda: unha para mozos con titulación ou certificación profesional e outra para aqueles que carezan dunha cualificación recoñecida.
Os contratos formativos contemplados na iniciativa permitirán que os beneficiarios adquiran competencias profesionais a través dun período de prácticas acompañado de formación. Ao rematar o proceso, os participantes contarán cos coñecementos necesarios para acceder a un posto de traballo estable e de calidade. As achegas cubrirán os custos salariais dos postos, con contías que van dos 9.975 aos 16.625 euros segundo a modalidade de contratación.
As empresas interesadas en participar nesta convocatoria poderán presentar as súas solicitudes entre o 27 de maio e o 30 de setembro de 2025. A medida forma parte da Estratexia Mocidade Activa da Xunta de Galicia, un plan que contará cun orzamento de 20 millóns de euros e que inclúe outras iniciativas para fomentar o emprego xuvenil. Entre elas destacan o Programa Investigo, cunha dotación de 4,8 millóns de euros para a contratación de persoal investigador e tecnolóxico menor de 30 anos, e Galicia Emprega Mozos, que contará cun orzamento de 3,5 millóns en 2025.•