
O voceiro provincial do Partido Popular, Antonio Ameijide, esixiu “seriedade e responsabilidade” aos representantes do BNG tras as súas declaracións nas que reclamaban ao Goberno do Estado que traballase para poñer fin ao illamento en materia de infraestruturas da provincia de Lugo. Para Ameijide, estas peticións son “un intento de rirse dos veciños” e considera que os nacionalistas son “cómplices necesarios” da situación actual.
O popular lembrou que o BNG leva 26 anos apoiando gobernos socialistas no Concello de Lugo, 18 anos na Deputación e 7 anos no Goberno do Estado. “En lugar de dar roldas de prensa reivindicativas, deberían selo nas administracións nas que gobernan ou nas que manteñen a Pedro Sánchez na Moncloa”, afirmou. Ameijide sinalou que Lugo segue a ser a única provincia galega sen conexión de alta velocidade ferroviaria, cunhas estradas sen mantemento axeitado e con autovías fundamentais como a A-54 con Santiago, a A-56 con Ourense, a A-74 da Mariña ou a A-76 que uniría Monforte con Ponferrada, todas elas sen rematar. “Nunca son a solución, a pesar de ter responsabilidades de goberno desde hai anos”, engadiu.
O voceiro popular asegurou que “ninguén no BNG está autorizado para esixir nada” porque, ao seu xuízo, son corresponsables do illamento que sofre a provincia. “É indignante escoitarlles pedir accións cando levan case 30 anos apoiando decisións que nos condenaron ao esquecemento”, declarou.
Ameijide tamén apuntou aos actuais responsables do BNG, como Rubén Arroxo, Efrén Castro e Néstor Rego, aos que considera “plenamente responsables” da situación. Tamén lembrou que figuras do pasado como Antón Bao, ex concelleiro e ex vicepresidente provincial, “tampouco fixeron nada por mudar esta realidade”.•