
O programa Ebici segue operativo para facilitar a compra de bicicletas eléctricas con pedaleo asistido e bicicletas de man híbridas ou eléctricas destinadas a cadeiras de rodas. As axudas, cun orzamento total de 1,7 millóns de euros, distribúense en dúas anualidades: un millón de euros en 2025 e 700.000 € en 2026.
O delegado territorial, Javier Arias, destacou esta iniciativa durante a súa visita a Lucus Aventur, en Lugo, un dos trece establecementos adheridos ao programa. A nivel autonómico, son arredor de 110 os negocios que participan, aínda que o prazo para novas adhesións continuará aberto ata o 31 de agosto de 2026.
Na provincia de Lugo, os establecementos participantes atópanse na capital, Monforte, Sarria, Foz, Burela, Viveiro e Ribadeo. A listaxe de comercios asociados pode consultarse na páxina web de Ebici, onde tamén se especifican todos os detalles sobre o proceso de solicitude.
As persoas interesadas en acollerse ao programa teñen de prazo ata o 13 de novembro de 2026, ou ata que se esgote o crédito dispoñible. As peticións deben formalizarse directamente nos establecementos adheridos, que serán os encargados de tramitar as axudas.
Con carácter xeral, as subvencións cobren ata o 50% do prezo da bicicleta, cun límite de 500 euros. No caso das familias numerosas, a contía elévase ao 60%, cun máximo de 600 euros. As familias numerosas de categoría especial e as persoas con mobilidade reducida poden acceder a unha cobertura do 70%, con axudas de ata 700 euros.
Dende a súa posta en marcha no ano 2022, Ebici xa beneficiou a 368 persoas en Lugo, que recibiron un total de 181.000 € en subvencións para a adquisición de bicicletas adaptadas ás condicións do programa.•