
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas continúa esta semana cos traballos de limpeza e roza na estrada autonómica GG-2.2, ao seu paso polo concello de Bóveda. Estas actuacións forman parte dun plan de mantemento que a Xunta está a desenvolver en varias vías de altas prestacións da provincia de Lugo.
As tarefas céntranse na retirada de vexetación das marxes, a reparación de valados e o acondicionamento de zonas verdes en glorietas e sendas peonís.
PREVENCIÓN DE INCENDIOS FORESTAIS
O obxectivo é mellorar a visibilidade para os condutores, facilitar o tránsito de peóns e ciclistas e contribuír á prevención de incendios forestais. As intervencións están incluídas no contrato que a Xunta de Galicia mantén coa empresa pública Seaga para o control da biomasa nas estradas autonómicas, cun investimento global de 4 millóns de euros. Segundo fontes da administración autonómica, estas accións intensificáronse nas últimas semanas coincidindo co inicio da tempada de maior risco de lumes. A estrada GG-2.2 conecta varios puntos da comarca de Lemos e presenta un volume de tráfico significativo, polo que a mellora das condicións de seguridade é unha prioridade para a administración galega.•