
Os deputados do Grupo Provincial Popular visitaron recentemente as instalacións de Galimplant, empresa con sede en Sarria especializada na fabricación de implantes dentais, próteses e instrumentos cirúrxicos. Fundada en 2007, Galimplant consolidouse como un referente nacional e internacional no ámbito da implantoloxía oral, cun catálogo de máis de 800 referencias e presenza en mercados de Europa, América e Asia.
Durante a visita ás instalacións de Galimplant, o portavoz Antonio Ameijide, xunto cos deputados Héctor Corujo, Luis Fernández e Jesús Núñez, e a portavoz do PP de Sarria, Carmen José López, coñeceron de primeira man os procesos de produción e innovación da compañía. Galimplant desenvolveu un sistema propio baseado nunha conexión estable entre o implante e o piar estético, que garante o selado biolóxico e facilita o labor clínico, mellorando a eficiencia dos tratamentos.
Ameijide destacou a traxectoria do seu fundador, Jesús Pato, e puxo en valor a capacidade de xerar emprego e actividade económica desde o rural. Subliñou a importancia de que as administracións públicas favorezan a creación de solo industrial e melloren as infraestruturas viarias para facilitar o asentamento de empresas.
O Grupo Popular defende que a industria é clave para fixar poboación e crear oportunidades no interior da provincia. Tamén insisten na necesidade de que a Deputación de Lugo impulse políticas activas que favorezan a implantación de proxectos industriais en contornas rurais como Sarria, onde xa se demostra que é posible innovar e competir a nivel global.•