A formación nacionalista solicita ao goberno local que actúe para garantir a continuidade do local durante os meses de verán

O BNG de Monforte expresou a súa oposición ao posible peche do Bar Anchoas, situado no paseo do Malecón, e que leva máis de sesenta anos formando parte da vida social e cultural da cidade. Dende o BNG consideran que este establecemento é un símbolo do verán monfortino e un espazo tradicional de encontro para veciñanza e visitantes.
O responsable local do BNG, Manuel Luaces, instou ao goberno municipal a iniciar os trámites necesarios para adaptar a normativa e permitir que o local poida seguir funcionando durante os meses de verán. “Non se trata dun capricho, senón dunha demanda coherente cun modelo de cidade viva e integradora”, afirmou.
Desde o Bloque Nacionalista Galego propoñen tamén mellorar a contorna do Malecón e potenciar o seu uso como espazo de lecer e cultura. A formación considera que aínda hai marxe legal e administrativa para actuar e evitar a desaparición dun lugar que forma parte da identidade de Monforte e da súa memoria colectiva, e que representa un valor social e turístico para a cidade.•