
O responsábel local do BNG no Saviñao, Xosé Carlos Xurxo, presentou esta semana unha instancia no Rexistro Xeral do Concello solicitando información sobre a posible instalación dunha planta de biogás no lugar de Sanxumil, pertencente á parroquia de Vilaesteva. A formación nacionalista quere saber se existen solicitudes de permisos, prospeccións ou expedientes relacionados con esta infraestrutura enerxética.
Segundo explicou Xurxo, “queremos coñecer se hai algún tipo de trámite iniciado, xa que a veciñanza merece transparencia e seguridade”. Desde o BNG critican a actitude do alcalde, ao que acusan de manter unha postura ambigua e de non aclarar se existe interese empresarial ou particular neste tipo de proxecto. O portavoz nacionalista considera que o rexedor debería posicionarse claramente en contra da instalación, como xa fixeron outros concellos galegos. “En lugares como Coeses, en Lugo, ou en Palas de Rei, xa se rexeitaron definitivamente proxectos similares”, lembrou Xurxo, quen insistiu en que “non se pode xogar cos intereses da veciñanza”.•