
O alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, compareceu esta semana ante os medios de comunicación para informar das medidas adoptadas polo seu equipo de goberno fronte ás continuadas avarías rexistradas na rede de abastecemento de auga, especialmente na rúa Escultor Francisco Moure e na contorna do Reboredo, xunto á N-120. Durante a súa intervención, Tomé fixo un repaso da relación contractual coa empresa concesionaria FCC Aqualia, lembrando que o contrato foi asinado no ano 2001 baixo un goberno do Partido Popular. “Xa dende o principio foi unha relación difícil, polémica e non beneficiosa para o Concello, xa que non se cumpriron os investimentos iniciais nin outros compromisos contractuais complementarios”, afirmou. Tamén criticou que entre 2003 e 2015 non se esixiron formalmente as obrigas da empresa, e que foi a partir do mandato 2015-2019 cando o actual goberno comezou a reclamar actuacións concretas.
A situación na rúa Escultor Francisco Moure, onde se produciron once avarías nos últimos dous anos —seis delas nos últimos cinco meses—, foi determinante para a adopción de novas medidas. Segundo o asesoramento técnico municipal, esta reiteración permite actuar con seguridade xurídica. Por iso, o Concello acordou requirir a Aqualia a substitución integral do tramo de tubaxe situado na marxe dereita da rúa, entre o Bar Cristal e a vía do ferrocarril, no prazo máximo de dous meses. A decisión baséase nos partes da Policía Local e nun informe técnico datado o 20 de maio. Ademais, o Concello esixe á empresa que presente unha proposta integral e definitiva para evitar novas avarías na contorna da N-120, co obxectivo de garantir o subministro normalizado ao Polígono Industrial do Reboredo. En caso de incumprimento, aplicarase o previsto nos artigos 100, 101 e 102 da Lei 39/2015 do Procedemento Administrativo Común, permitindo a execución subsidiaria das obras por parte do Concello, con repercusión dos custos á empresa. O alcalde destacou que “a este equipo de goberno non lle trema o pulso á hora de defender os intereses dos veciños de Monforte” e valorou positivamente a predisposición da empresa.
CRÍTICAS DO PP
Desde o Grupo Municipal do Partido Popular consideran que as medidas anunciadas son “totalmente insuficientes”. A voceira popular, Katy Varela, advertiu que “as roturas na rede non son algo dun punto en concreto, senón que se producen ao longo de todo o municipio”. Criticou que o alcalde só fale de Francisco Moure, cando “a realidade é que hai múltiples zonas afectadas, como a rúa Reboredo, a zona da Reigada ou a estrada ao polígono do Reboredo”. Varela lembrou que o día anterior á comparecencia do alcalde produciuse unha nova rotura na confluencia da rúa Sarria coa Avenida de Galicia, que deixou sen subministro a numerosos veciños. “Non é a primeira vez que ocorre, e demostra que o problema é xeralizado”, afirmou. A voceira popular tamén puxo o foco nas deficiencias do servizo no polígono industrial, onde segundo indicou “os empresarios e industriais levan tempo queixándose da falta de presión e das interrupcións constantes”. Por iso, considera que “non son suficientes as medidas anunciadas por Tomé”, a quen acusa de manterse “na súa política de facer que fai algo, cando a realidade é que todo vai seguir igual ou peor”. O Partido Popular anunciou que defenderá no pleno a axilización do convenio de 10 millóns de euros asinado co Ministerio para a renovación integral da rede de abastecemento. “É unha necesidade imperiosa para o municipio».•