
O Pavillón Municipal da Pinguela acolleu o I Torneo Club Rítmica Kendra, unha cita deportiva que reuniu a 400 ximnastas procedentes de distintos puntos de Galicia. A competición desenvolveuse ao longo de toda a xornada, en sesións de mañá e tarde, e contou con participación nas categorías Escolar, Promoción, Prebase e Base. O evento, organizado polo Club Kendra, converteuse nun referente da ximnasia rítmica a nivel autonómico, tanto pola elevada participación como pola calidade das actuacións. As bancadas do pavillón rexistraron unha notable afluencia de público, formado por familiares, adestradores e afeccionados que seguiron con interese cada unha das coreografías. A beleza en movemento podería ser o título desta foto do evento tomada por PILI CHAOS.