
O III Encontro da Cultura do Viño da Ribeira Sacra, ‘RaízaMes’, celebrouse a pasada fin de semana en Taboada cun programa de actividades que buscaba poñer en valor a viticultura como expresión cultural e motor de desenvolvemento. A directora territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración en Lugo, Carmen José López, participou na inauguración, destacando o apoio da Xunta de Galicia desde a primeira edición.
A iniciativa, promovida por ACIMTA, inclúe catas, concertos, proxeccións audiovisuais, roteiros culturais e espazos de diálogo arredor do viño e o territorio. Entre as actividades, salientan a queima dunha facha organizada pola asociación As Fachas de Castelo e actuacións musicais como as de Mediarea ou Andhrea and The Black Cats.
O VIÑO, EMBAIXADOR DO TERRITORIO
Nun dos encontros, guiado por Rebeca Vázquez, directora do CPR Belarmino F. Iglesias, abordouse o papel do viño como reflexo da paisaxe e da identidade local. As adegas Alouviño, Lareu-Sabatelius e Alma das Donas compartiron a súa experiencia, mentres que Ana B. López, técnica da D.O. Ribeira Sacra, fixo balance dos logros e retos do sector.
RELEVO XERACIONAL
Entre os desafíos, destacouse a necesidade de garantir o relevo xeracional e a igualdade de oportunidades no rural, así como a importancia da profesionalización, a formación e a simplificación administrativa. Tamén se puxo o foco no turismo sostible como vía para converter aos visitantes en embaixadores da cultura vitivinícola da Ribeira Sacra.•