
Coincidindo coa dedicación do Día das Artes Galegas 2025 á figura de Isaac Díaz Pardo, o Museo de Belas Artes da Coruña organizou a exposición “A barca de Caronte. A travesía vital de Isaac Díaz Pardo”. A mostra, comisariada polo seu fillo Xosé Díaz Ares, contou coa colaboración do equipo técnico do museo e co deseño museográfico de Xosé Luís Rey Barreiro. O título da exposición fai referencia a dúas obras do artista inspiradas na mitoloxía clásica, nas que a barca de Caronte simboliza a viaxe do pobo galego e, ao tempo, a do propio Díaz Pardo. A mostra estruturouse en cinco seccións que permitiron seguir a evolución do seu traballo, desde os primeiros pasos na pintura ata a súa etapa final centrada no deseño industrial. O percorrido incluíu tamén a súa fase de transición plástica e o labor de recuperación da memoria cultural galega, materializado na creación do Laboratorio de Formas de Galicia. A través de obras, documentos e proxectos, a exposición ofrece unha visión ampla da súa achega artística e intelectual. Para o público da Ribeira Sacra, esta mostra representa unha excelente oportunidade para achegarse á cidade da Coruña e coñecer de primeira man a obra dun dos grandes referentes da cultura galega. “Nin sequera eu fun quen de atopar unha resposta clara”, recoñeceu o seu fillo sobre a pregunta que acompaña a figura do artista: por que deixou de pintar?