
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, comunicou que no mes de outubro está prevista a chegada á Ribeira Sacra de consultores da Unesco, como parte da fase final da candidatura a Patrimonio Mundial, cuxa avaliación definitiva terá lugar o próximo ano, en xuño de 2026.
Durante unha reunión con alcaldes, representantes locais e axentes sociais implicados na candidatura Ribeira Sacra: Paisaxe da Auga, López Campos trasladou a “boas sensacións” do Goberno galego e reafirmou a confianza no valor do territorio para acadar esta distinción. Subliñou que a candidatura xa está formalmente admitida para ser avaliada polo Comité Mundial tras cumprir rigorosamente cos requisitos e prazos establecidos.
“Estamos ante pasos claves, afrontados con tranquilidade e seguridade grazas a unha candidatura madura e arroupada polo Goberno central, a veciñanza e as institucións locais”, afirmou o conselleiro, quen destacou o compromiso e implicación dos colectivos desde o inicio do proceso.
A proposta abarca 26 concellos de Lugo e Ourense e pon en valor elementos singulares, como os canóns e vales fluviais esculpidos pola auga, e o patrimonio hidráulico con infraestruturas medievais como muíños, centrais e saltos de auga, que confiren á paisaxe un carácter único e novidoso pouco representado na Lista de Patrimonio Mundial.
López Campos lembrou o esforzo iniciado en 2017 e destacou que a Xunta investiu preto de 8 millóns de euros na conservación e posta en valor de máis de 40 bens patrimoniais do territorio, cunhas 90 actuacións en igrexas, mosteiros, museos, castros e xacementos romanos. “A Ribeira Sacra é hoxe un territorio máis vivo, coidado e recoñecido, e seguirá así cando academos o recoñecemento internacional”, concluíu.•





