A Trienal de Sarria abre nova mostra con artistas de Galicia e Portugal

A exposición colectiva permanecerá aberta e ata setembro con obras de Loreto Martínez Troncoso, María Paz Aires, Lois Cid e Rubén Santiago. Foto Trienal.

Sarria acolle a segunda exposición do programa de arte contemporánea Trienal de Sarria, unha iniciativa promovida polo colectivo HU-HU e apoiada pola área de Cultura da Deputación de Lugo. A mostra inaugúrase no espazo expositivo A Sede, situado na rúa Ramón Cabanillas, onde permanecerá aberta ata o mes de setembro.
Esta nova exposición colectiva, comisariada por Juan Luis Toboso, reúne as creacións de catro artistas: a viguesa Loreto Martínez Troncoso, a portuguesa María Paz Aires, o ourensán Lois Cid e o sarrián Rubén Santiago. A proposta leva por título “Eu vin cousas que vós non creriades” e agrupa distintas disciplinas artísticas baixo unha mirada contemporánea.
O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro valorou positivamente a iniciativa de HU-HU, coa que comparte dende o principio “a idea deste proxecto”. Castro resaltou que esta proposta achega a arte contemporánea a Sarria, “fóra dos circuítos urbanos onde normalmente se exhibe esta actividade”, e subliñou a importancia do achegamento á arte portuguesa para fortalecer os lazos culturais entre ambos os territorios.
O programa Trienal de Sarria é un proxecto experimental de arte contemporánea que se desenvolverá entre 2024 e 2026, cun total de cinco bloques expositivos principais. Cada bloque presenta unha exposición central que inclúe obras e proxectos sensibles ao contexto local e transnacional de Galicia, Portugal e o noroeste peninsular. O programa promove tamén actividades paralelas e formacións en colaboración con centros educativos e entidades locais.
A Sede Sárria-Núcleo Difusor de Arte Contemporánea, un espazo versátil de 266 metros cadrados situado nun antigo recinto industrial da década de 1940, funciona como centro neurálxico das actividades da Trienal. O seu deseño minimalista respecta os elementos orixinais do edificio, ofrecendo un lugar único para a difusión da creación contemporánea nun territorio con escaseza de infraestruturas culturais.
A mostra e as actividades asociadas á Trienal poderán visitarse e participar de forma gratuíta, promovendo o acceso e o diálogo entre os artistas e o público da comarca.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Sarria prepara un dispositivo de seguridade para as festas de San Xoán

Seguinte Nova

Medio Rural e Concello reafirman o seu apoio ao matadoiro municipal

Últimas noticias sobre CULTURA

Ir aInicio

Don't Miss