
O Concello de Pantón pon en marcha un ano máis o Campamento de Verán destinado a nenas e nenos nados entre 2009 e 2021. As actividades desenvolveranse de luns a venres en horario de mañá, de 10:00 a 14:00 horas, ao longo de catro quincenas: do 1 ao 15 de xullo, do 16 ao 31 de xullo, do 1 ao 14 de agosto e do 18 ao 29 de agosto. Para facilitar a conciliación, tamén se ofrece o Servizo Madruga desde as 9:00 ata as 10:00 horas para as familias que o precisen.
O programa inclúe xogos acuáticos na Piscina Municipal, obradoiros creativos e saídas para descubrir o entorno local, todo adaptado ás diferentes idades e necesidades dos participantes. As inscricións están abertas ata o 20 de xuño na Casa da Cultura en horario de 10:00 a 20:00 horas, dando prioridade aos nenos empadroados en Pantón.
O alcalde, José Luis Álvarez, subliña a importancia desta iniciativa: “Durante o verán reunimos aquí a moitas crianzas e ás súas familias, que tamén nos visitan nestes meses. Estas actividades permiten combinar aprendizaxe e diversión, a través do xogo e do contacto coa contorna que nos rodea”.•





