
A Consellería do Medio Rural vén de aprobar as axudas para conservar a paisaxe e frear a erosión nos viñedos da Ribeira Sacra, cun investimento de 1,32 millóns de euros. Un total de 794 expedientes foron aprobados para actuar sobre 810 hectáreas dentro da Denominación de Orixe (DO), nunha zona que abrangue 16 dos 20 concellos da denominación.
A contía máxima que se concede é de 2.000 euros por hectárea para os viñedos en socalco con traballo manual, mentres que para os cultivos sen socalco ou con mecanización a axuda chega a 1.000 euros por hectárea.
Entre os municipios beneficiados destacan Sober, Quiroga e Pantón, que concentran a metade da superficie subvencionada, cun total de 404 hectáreas e 3.537 parcelas. Ademais destas axudas, a Consellería do Medio Rural inclúe outras medidas como a destilación de crise, formación sobre o ecorrexime da Política Agraria Común e campañas de promoción para apoiar a recollida da uva.
O sistema de cultivo en socalcos é unha práctica tradicional que axuda a manter a paisaxe e a evitar a erosión, sendo fundamental para preservar a identidade agraria e potenciar a economía local, vinculada tamén ao turismo e á candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade pola Unesco.•