
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, presentou o cartel de concertos das Festas Patronais 2025, acompañado pola primeira tenente de alcalde, Gloria Prada, e pola concelleira de Cultura, Marina Doutón. Os festexos desenvolveranse entre o 11 e o 16 de agosto, cun total de seis actuacións principais acompañadas de orquestras e bandas locais, mantendo a liña musical dos últimos anos.
Segundo explicou o rexedor, a proposta busca ofrecer “unha ampla variedade musical e artística, para dar satisfacción a públicos moi diferentes tanto en idades como en gustos musicais”. Tomé asegurou que Monforte “se ten convertido nun referente en Galicia” grazas á calidade das súas festas, e que o obxectivo é manter ese nivel.
A programación comezará o luns 11 coa actuación do grupo A Roda, trala lectura do pregón na Praza de España. Cunha traxectoria de case 50 anos, A Roda é unha referencia na música tradicional galega e no cancioneiro popular.
O martes 12, a Orquestra Panorama regresará á explanada do río Cabe cun espectáculo dividido en dous pases, entre as 00:00 e as 2:00 e novamente entre as 3:30 e as 4:30. Compartirá a noite co Grupo América de Vigo, que tamén ofrecerá dúas intervencións: antes da Panorama, de 22:30 a 00:00, e entre as 2:00 e as 3:30. “A explanada vaise quedar pequena, como vén ocorrendo nos últimos anos”, sinalou o alcalde.
O mércores 13 será a quenda de Coque Malla, un dos nomes máis recoñecidos do pop-rock español, que celebra neste 2025 os seus corenta anos sobre os escenarios. Actuará entre as 00:00 e a 1:30, mentres que a Orquestra Galilea amenizará o resto da noite con dous pases.
O xoves 14, a música indie e electrónica chegará da man de Dorian, que presentará o seu último traballo Futuros imposibles. Tocarán a partir das 00:00 e ata a 1:30, compartindo cartel cos monfortinos Gin Toni’s e Movilla y Los Irrepetibles. Estes grupos locais actuarán antes e despois do concerto principal, reforzando, en palabras do alcalde, “a aposta polo talento local”.
O venres 15, día grande das festas, Abraham Mateo encargarase do concerto principal, previsto para as 00:30 tras os fogos do Castelo de San Vicente. Este artista andaluz, con máis de 4 millóns de oíntes mensuais en Spotify, ofrecerá un espectáculo de gran formato ata as 2:00. A Orquestra Suavecito completará a noite cun dobre pase.
O sábado 16 pecharase o ciclo de concertos con Nil Moliner, un dos músicos máis populares do momento, que se atopa en plena xira “Lugar Paraíso”. A súa actuación comezará trala sesión de fogos do río, entre as 00:30 e as 2:00, mentres que a Orquestra Salsarena porá a guinda final á programación.
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, concluíu a rolda de prensa salientando a “calidade e variedade” da proposta e expresou o seu desexo de que “moitos galegos e galegas nos visiten atraídos polos concertos de Monforte”.
O PP de Monforte critica a “falta de información” sobre a programación de verán
O PP de Monforte acusa ao alcalde José Tomé de manter a veciñanza “na desinformación” sobre as actividades de verán. A voceira Katy Varela pide que se publique xa a axenda de lecer e que se anuncien as opcións dispoñibles a través da web e redes sociais municipais. “Non pode repetirse que se publique o libro en agosto con actos xa pasados”, afirma. Os populares monfortinos reclaman tamén “transparencia e participación” na elección dos concertos das festas patronais. “Se os veciños os disfrutan, alegrámonos, pero botamos en falta variedade e diálogo cos grupos da corporación”, engade Varela.•