O actor fálanos de Lume, o seu novo proxecto, protagonizado pola actriz galega Cristina Castaño

Por que amamos o cine? A pregunta pode parecer sumamente elemental, dado que o cine constitúe unha parte crucial no paradigma do lecer humano desde que os irmáns Lumière lograron capturar imaxes en movemento co seu flamante cinematógrafo de 1895, pero o fundamento do seu irrefutable éxito pode xerar certa confusión á hora de analizalo. ¿Somos auténticos devotos da fotografía? ¿É a trama a responsable da conexión entre a película e o espectador? ¿Ten unha boa interpretación o poder de salvar unha historia cuestionable? Quizais a razón pola que amamos o cine, ata o punto de que resulta imprescindible para o noso tempo libre, sexa un sincretismo de cada unha destas formulacións, sempre supeditado a un criterio individual que acaba inclinando a balanza cara a unha cualidade determinada. Desde EnComún. Crónica do Sur de Lugo, tivemos a oportunidade de entrevistar a David Rodríguez, actor monfortino que vén de presentar o seu novo proxecto, Lume, unha serie que reflexiona sobre a problemática dos incendios forestais e que está protagonizada por Cristina Castaño.
P: Quen é David Rodríguez? Como te definirías como actor?
R: David é un mozo de 21 anos, nacido en Monforte de Lemos, “un pobo que amo”, e que actualmente reside en Santiago de Compostela mentres estuda arte dramática en Espazo Aberto, impartido por Carlos Neira. “Como actor, é complicado definirse, pero diría que me caracterizo por ser atrevido, intuitivo e natural e, sobre todo, por facelo con moita paixón”.
P: “Live is Life” foi o teu debut na gran pantalla. Sempre tiveras na cabeza a idea de ser actor ou esa película foi o punto de inflexión?
R: “Nunca quixen ser actor antes de facer Live Is Life, nin sequera se me pasara pola cabeza a idea de facer artes escénicas. Si que é certo que a miña nai sempre me dicía que tiña que probar o teatro, pero nunca lle fixen moito caso niso. Porén, despois de formar parte de Live Is Life e vivir esa experiencia, para min abriuse unha especie de porta cara a algo que me gustaba e que non sabía ata ese momento que me gustaba; foi como descubrir unha paixón”.
P: En “As Neves”, a maioría do reparto erades actores que comezabades a vosa carreira ou mesmo algúns erades amateurs. Fálanos un pouco da relación con Sonia Méndez na rodaxe.
R: “Sonia Méndez é unha persoa excepcional, téñolle un cariño enorme pola rodaxe de As Neves. Teño que recoñecer que me marcou moitísimo tanto na vida como na curta traxectoria que levo, e débolle moito por todo o que fixo por min. Se tivese que definir a Sonia cunha palabra, diría que é auténtica”.
P: Que é o máis importante á hora de ser actor? Cal é a clave para que a túa interpretación chegue ao espectador?
R: “Eu creo que o máis importante é ser profesional e boa persoa. Sempre intento facelo con moita paixón, estar moi concentrado e, sobre todo, divertirme. Profundizo en min mesmo en función do texto co que teño que traballar e da situación e, a partir de aí, vou fluíndo. É unha cuestión de intuición”.
P: Fálanos de “Lume”, o teu novo proxecto que se estreará o 20 de xuño.
R: Lume é unha coprodución galego-portuguesa. Trátase dunha serie de 6 episodios que abordan unha serie de incendios forestais que arrasan un pobo da raia entre Galicia e Portugal. A xornalista Lucía, interpretada por Cristina Castaño, quere descubrir que está a pasar e cales son os desencadeantes deses incendios. “Eu interpreto ao fillo da alcaldesa do pobo no que se rodou e está ambientada a serie”.•