A rede de centros da Consellería do Mar incrementa matrícula e homologacións internacionais cun investimento de 12,3 millóns de euros

A actividade marítimo-pesqueira representa arredor do 5% do PIB galego e dá emprego a unhas 50.000 persoas, situando Galicia como a principal rexión pesqueira de Europa. Para facer fronte ao reto do relevo xeracional, a Consellería do Mar destina este ano 12,3 millóns de euros á formación, canalizados a través dunha rede de centros públicos que ofrece ensinanza regrada e non regrada en distintas especialidades ligadas ao mar.
O sistema formativo autonómico inclúe o Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico en Vigo, a Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira, o centro de Ferrol e o Instituto Galego de Formación en Acuicultura, na Illa de Arousa. Dous destes centros, o Ipmpa e o Igafa, están recoñecidos como Centros de Referencia Nacional en navegación e acuicultura, respectivamente.
No curso actual, máis de 500 persoas cursan ciclos formativos ligados á actividade pesqueira, a maior cifra desde 2018 e un 3% superior á do pasado curso. A oferta abrangue títulos de grao medio e superior como Patrón de Altura, Mecánico Naval, Cultivos Acuícolas ou Operacións Subacuáticas e Hiperbáricas. Esta última especialidade, impartida no Igafa, acadou recentemente a homologación da International Marine Contractors Association (IMCA), entidade de referencia mundial nas operacións de mergullo en alta mar.
Con esta acreditación, o Igafa convértese no primeiro centro público en España en obter este recoñecemento, que permite ao alumnado acceder a oportunidades laborais en países con altos estándares de seguridade subacuática. No proceso de avaliación, representantes do IMCA visitaron o centro e valoraron positivamente as instalacións, os equipos e o plan formativo. O ciclo, de carácter bianual, oferta 12 prazas e presenta unha taxa de inserción laboral do 100%.
Ademais desta formación regrada, o Igafa ofrece cursos de menor duración como iniciación ao mergullo profesional, mergullador de 2ª clase ou primeiros auxilios, que complementan a preparación do alumnado. Este curso, nos ciclos de Acuicultura e Cultivos Acuícolas, forman un total de 97 persoas, das cales o 37% son mulleres, o que reflicte un avance na igualdade de xénero nun sector tradicionalmente masculinizado.

Pola súa banda, o Ipmpa acolle entre 350 e 400 estudantes cada ano e conta con obradoiros de motores, soldadura, simuladores de navegación e comunicación, e un innovador planetario formativo. Dispón tamén dunha residencia para 70 persoas. Desde este centro, 70 alumnos realizarán este ano prácticas en empresas, maioritariamente embarcados en buques pesqueiros nos caladoiros de Terranova, Malvinas, África ou Gran Sol, mentres que outros optarán por barcos de pasaxe ou remolcadores.
A formación que se ofrece nas escolas de Ribeira e Ferrol tamén culminará este curso coa incorporación ao mercado laboral de ata 220 novos profesionais, entre patróns e maquinistas, chamados a reforzar a operatividade da frota galega.
Ao tempo, a Consellería do Mar colabora co propio sector a través dunha orde de axudas bianual dotada con 1,5 millóns de euros, que permite ás organizacións pesqueiras desenvolver accións formativas propias. No que vai de ano, seis entidades organizaron vinte cursos que beneficiaron a 273 persoas.•