Monforte saca a licitación a urbanización da Zona D, entre a rúa Cardenal e o río Cabe

As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o 9 de xullo para un proxecto que contará cun orzamento estimado entre 400.000 e 450.000 euros con financiamento municipal. Foto GPCM.

O Concello de Monforte publicou no perfil do contratante local a licitación do proxecto construtivo para a urbanización da denominada Zona D, situada entre o Paseo do río Cabe, as traseiras das edificacións da avenida de Galicia, a rúa Cardenal e unha parte do Parque dos Condes que inclúe o muro de peche e a pérgola. As empresas interesadas disporán de prazo para presentar as súas ofertas ata o vindeiro 9 de xullo.
Este ámbito de intervención, cunha superficie total de 3.274 metros cadrados, corresponde a 35 propiedades privadas que suman 1.932 metros cadrados, aos que hai que engadir 1.342 metros cadrados de solo público, distribuídos en 791 metros cadrados de zona verde xunto ao muro de peche e 561 metros cadrados de viais fronte á pérgola. O goberno municipal financia a actuación con fondos propios, prevendo un custe que se moverá entre os 400.000 e os 450.000 euros, tras un orzamento inicial de 421.761,88 euros aprobado pola Xunta de Goberno en xullo de 2023.
O alcalde, José Tomé Roca, acompañado pola tenente de alcalde, Gloria Prada, e polo concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada, explicou que este proxecto supón a culminación dun proceso iniciado co cambio do sistema de compensación ao sistema de cooperación, aprobado por pleno o 29 de novembro de 2021. “Logo da experiencia positiva da Zona C, decidimos asumir nós a urbanización dunha zona que 25 anos despois da súa inclusión nas Normas Subsidiarias de 2000 non estaba desenvolvida polos propietarios”, sinalou o rexedor.
Entre as melloras previstas figura a apertura dun novo vial de doce metros de ancho, incluíndo unha rotonda nas proximidades do río, que comunicará directamente a rúa Cardenal co Paseo do río Cabe. Este vial permitirá eliminar unha bolsa de maleza e xerará 1.182 metros cadrados de solo edificable —dos cales 1.126 para baixos comerciais e 3.958 para vivendas en altura—, así como 541 metros cadrados adicionais de zonas verdes e 1.550 metros cadrados de viales de uso público. As alturas permitidas oscilan entre baixo máis tres plantas na beira da rúa Cardenal e baixo máis unha xunto ao río.
Tomé recordou que en 1969 a licenza do edificio agora Banco Sabadell incluía a obriga de reservar unha franxa de 3,5 metros no muro de peche dos Escolapios para a futura apertura dunha rúa de sete metros, pero esa previsión non se cumpriu. Coa modificación de 2000, trasladouse esa reserva a unha rúa de doce metros, un plano que agora se vai facer realidade.Tomé Roca engadiu que as obras terán un prazo de execución de oito meses, polo que, se todo vai segundo o previsto, estarán rematadas entre abril e maio de 2026.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Galicia reforza a formación pesqueira para garantir o relevo xeracional no mar

Seguinte Nova

A Asociación Veciñal do Saviñao esixe a limpeza dos solares urbanos de Escairón

Últimas noticias sobre INFRAESTRUTURAS

Ir aInicio

Don't Miss