
Quiroga acolleu esta fin de semana a IV edición do Encontro en torno ao Viño, unha iniciativa promovida pola asociación Quiroga en Marcha baixo o título “Montefurado: Patrimonio e Terroir”. A apertura do programa tivo lugar o venres na praza de España, coa intervención da directiva da asociación organizadora e do alcalde, José Luis Rivera. A sumiller Mónica Rosón foi a encargada de conducir a actividade, que incluíu unha visita á adega Alvaredos-Hobbs guiada polas enólogas Cecilia Fernández e Alba López.
O sábado desenvolveuse unha mesa redonda sobre o terroir de Montefurado con representantes de catro adegas da zona. Xa pola tarde, os participantes visitaron os viñedos da Casa de Outeiro. A última xornada, o domingo, centrouse nun percorrido comentado polo túnel romano de Montefurado, con explicacións a cargo de Víctor Aira sobre a recuperación de viñedos na contorna.•