
O cartel da edición 2025 do Folión de Carros de Chantada, que se celebrará en agosto coincidindo coas festas patronais, foi realizado por Victoria García Fernández, alumna de 4º da ESO do IES Lama das Quendas. A súa proposta foi escollida entre unha ducia de traballos presentados no marco dunha convocatoria impulsada pola Asociación de Amigos do Folión en colaboración cos centros educativos do municipio.
A imaxe gañadora, unha intervención en cor sobre unha fotografía antiga do propio Folión, será a protagonista da campaña de difusión desta festa tradicional, declarada de Interese Turístico de Galicia e Ben de Interese Cultural.
A presentación oficial do cartel tivo lugar no centro educativo, nun acto que contou coa presenza de representantes da Xunta, da Deputación de Lugo e do Concello, así como de profesorado e alumnado. A xefa do Servizo de Coordinación Cultural de Lugo, Águeda Valín, salientou que iniciativas coma esta “permítenlles ás novas xeracións coñecer as súas raíces nun ambiente de festa e comunidade”. A festa tamén tivo presenza no Turexpo Galicia, dentro do stand de Chantada. O Concello promocionou alí o Folión, o Entroido Ribeirao, a Feira do Viño e o Camiño de Inverno como parte dunha oferta turística ligada á identidade local.•