
O CEIP Rosalía de Castro, en Bóveda, foi o escenario dunha actividade educativa vinculada á campaña “Galicia Sabe Amar”, promovida pola Xunta de Galicia e organizada polo claustro do centro. Durante a xornada, o alumnado aprendeu sobre a diversidade dos produtos do mar galego, as artes tradicionais da pesca e a importancia que ten o consumo local para a economía da rexión.
A actividade completouse cunha degustación de tapas innovadoras, entre elas croquetas de polbo e algas, que recibiron unha boa acollida entre os estudantes. Esta experiencia pretende fomentar un maior coñecemento e respecto pola riqueza mariña e o seu valor económico e cultural.
Na xornada participaron tamén o alcalde de Bóveda, José Manuel Arias, e a concelleira de Educación, Cristina Juiz, que acompañaron ao alumnado nesta iniciativa.
Ana de la Fuente López, directora do centro, salientou que “actividades como ‘Galicia Sabe Amar’ son fundamentais para o noso alumnado” e engadiu que contribúen a “ampliar os seus horizontes e fomentar un maior coñecemento e aprecio polos recursos naturais e a cultura gastronómica da nosa terra”.
A iniciativa promove o consumo responsable e o apoio á economía local. •