Un total de 51 propostas pasan á fase de avaliación do xurado, que dará a coñecer os 10 finalistas o 22 de xullo

Foto GPSRS.
O Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra pechou o 31 de maio o prazo de inscrición de ideas con 72 propostas rexistradas. Trátase da décima edición dun certame que promove o emprendemento no rural a través de proxectos innovadores que poñan en valor os recursos do territorio.
Tras a revisión das candidaturas, un total de 51 iniciativas cumpren cos requisitos establecidos e serán agora avaliadas polo xurado, que anunciará o 22 de xullo os 10 proxectos que acceden á fase final. Os seleccionados deberán entregar o proxecto completo entre o 1 de agosto e o 30 de setembro a través da intranet habilitada na web www.sementeribeirasacra.org.
A defensa oral das propostas celebrarase o 8 de novembro pola mañá no Parador de Turismo de Monforte. Ese mesmo día, durante a cea de clausura, terá lugar a entrega de premios: 10.000 euros para o gañador, 6.000 para o segundo e 4.000 para o terceiro clasificado.
As iniciativas presentadas abranguen ámbitos diversos como gastronomía, tecnoloxía, educación, artesanía, terapias de benestar ou recuperación da memoria rural. Tamén se recibiron propostas vinculadas ao turismo, cosmética, viñedo ou uso de drons para agricultura.
A participación maioritaria procede de Galicia, cunha ampla representación da Ribeira Sacra, pero tamén chegaron ideas desde outras provincias e comunidades como Madrid, Asturias, León ou Tenerife.•






