
A Agrupación Socialista de Sarria salientou esta fin de semana a colaboración institucional co Goberno da Deputación de Lugo, que se concreta en novos investimentos por valor de máis de 40.000 euros no municipio. Os fondos proceden dos remanentes obtidos nas adxudicacións do Plan Deputación 2024 e foron aprobados na última Xunta de Goberno provincial.
Grazas a esta achega, levaranse a cabo dúas actuacións principais. Por unha banda, destinaranse 37.152 euros á renovación e mellora dos accesos ás parroquias de Ferreiros e Tremeado. Por outra, investiranse 2.850 euros na adquisición de novo material de fisioterapia para a residencia de maiores Nosa Señora do Carme, como barras de apoio, carros porta-equipos ou sillóns adaptados.
O voceiro do PSdeG-PSOE de Sarria, Benjamín Escontrela, agradeceu “o compromiso do presidente da Deputación, José Tomé Roca, co noso concello” e puxo en valor o resultado das xestións realizadas polo grupo socialista. “Mesmo desde a oposición estamos a demostrar que se pode facer política útil, con resultados reais para a veciñanza”, afirmou.
Escontrela puxo en valor o impacto destas melloras no día a día da cidadanía: “A rexeneración de estradas en parroquias como Ferreiros ou Tremeado mellora a seguridade, a mobilidade e a dignidade do rural, facilitando a vida diaria da veciñanza. E dotar á residencia de maiores con novo material é apostar polo coidado das persoas, polos nosos maiores, que merecen atención en condicións e espazos de calidade”, engadiu o voceiro.•