A campaña ofrece 12 itinerarios en 31 saídas ata outubro, con viaxes que combinan natureza, patrimonio e enoturismo

Renfe vén de poñer en marcha este mes de xuño unha nova edición dos Trens Turísticos de Galicia, un programa que conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia, e do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde). A campaña deste ano chega cunha novidade destacada: o regreso das tres rutas que percorren a Ribeira Sacra (Sil, Miño e Valdeorras), que estiveron suspendidas durante dúas tempadas por obras de mellora na infraestrutura ferroviaria.
RIBEIRA SACRA DO SIL
As primeiras rutas en saír foron a da Ribeira Sacra do Sil e a Ruta dos Faros, ambas coas prazas completas. No caso da Ribeira Sacra, o percorrido inclúe unha visita teatralizada na estación de Os Peares e unha parada guiada na adega Regina Viarum, onde os viaxeiros poden coñecer os procesos do viño e facer unha cata. Tras o xantar libre en Monforte de Lemos, o itinerario continúa cun traxecto en catamarán polo encoro do Sil desde o embarcadoiro de San Estevo. A xornada complétase cunha visita ao mosteiro de San Pedro de Rocas, onde un monxe protagoniza unha peculiar queimada.
Pola súa banda, a Ruta dos Faros leva aos participantes ao norte de Galicia, pasando polo cabo Ortegal, o miradoiro de Vixía Herbeira, o santuario de Santo André de Teixido e o cabo de Estaca de Bares, ademais de Viveiro e os acantilados de Loiba.
A oferta inclúe 12 itinerarios con 31 saídas entre xuño e outubro. A venda de billetes realízase en renfe.com, nas estacións e en axencias concertadas.•