
A XXI Festa da Cereixa, do Viño e do Aceite de Ribas de Sil pechou onte cunha gran afluencia de público, consolidándose como unha das citas máis relevantes da comarca. O pregón correu a cargo do presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, quen destacou que “esta non é unha festa calquera, senón a expresión dunha identidade que medrou á beira do Sil”. Centos de persoas seguiron o acto desde a praia fluvial de San Clodio, símbolo dun rural que “aposta polo futuro”. Tomé puxo en valor a calidade dos produtos locais e o traballo da xente que os fai posibles, e lembrou o apoio da Deputación a esta celebración a través dunha achega de 9.000 euros. “O rural galego está vivo e orgulloso”, afirmou o mandatario, quen tamén salientou a importancia de iniciativas como a residencia pública impulsada en Ribas de Sil.•