As XVIII Xornadas Xurídicas ‘Román García Varela’ congregan na Casa da Cultura a especialistas de todo o Estado para abordar os retos da Administración de Xustiza na sociedade do século XXI

A Casa da Cultura de Sarria acolleu entre o 4 e o 6 de xuño unha nova edición das Xornadas Xurídicas ‘Román García Varela’, que chegan á súa décimo oitava convocatoria convertidas nun foro de referencia para o pensamento xurídico a nivel estatal. O encontro, organizado polo Concello de Sarria co apoio institucional do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ), centrou os seus debates na necesaria reforma da Xustiza ante os desafíos da sociedade do século XXI. As sesións, que se enmarcan no programa de formación continua do CGPJ, congregaron a unha trintena de xuíces, maxistrados, letrados, académicos e operadores xurídicos, tanto de maneira presencial como en modalidade virtual a través do centro da UNED en Lugo.
O acto de apertura contou coa presenza da presidenta do Tribunal Supremo e do CGPJ, Isabel Perelló, acompañada polo presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, José María Gómez y Díaz-Castroverde; o alcalde de Sarria, Claudio Garrido; o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, Diego Calvo; o deputado provincial Pablo Rivera e a directora da UNED de Lugo, Ana Traseira. A conferencia inaugural foi pronunciada polo expresidente do Tribunal Supremo Francisco Marín Castán, mentres que a clausura correu a cargo do presidente do Tribunal Constitucional, Cándido Conde-Pumpido.
Durante tres xornadas, o programa abordou cuestións clave como a división de poderes, a independencia xudicial, a lexitimidade democrática do sistema, os retos tecnolóxicos, a loita contra a violencia de xénero ou a implantación de novas estruturas organizativas. Na primeira mesa redonda, moderada polo expresidente do Tribunal Constitucional Pascual Sala, analizáronse os xuízos de responsabilidade política e penal, coa participación de Raquel Marañón, letrada das Cortes Xerais; Virgilio Zapatero, exministro e catedrático de Filosofía do Dereito; e Edward Martin, socio do despacho Regalado & Galindo.
O conselleiro Diego Calvo aproveitou a súa intervención para reivindicar unha Xustiza máis próxima, moderna e eficiente, capaz de responder aos cambios sociais e garantir unha atención especializada aos colectivos vulnerables. “A Xunta aposta por unha xustiza útil e accesible, con especial atención ás vítimas de violencia de xénero, os menores e as persoas maiores”, afirmou. Nesa liña, lembrou que Galicia solicitou ao Goberno central a ampliación dos xulgados especializados en violencia contra a muller a todas as cidades da comunidade, mais lamentou que non se atendese esa demanda ata agora. “O BOE publica hoxe o decreto que crea catro novas prazas, pero dúas delas, en Vigo e A Coruña, faranse a costa de transformar xulgados de instrución, o que pode derivar nun aumento da carga de traballo”, advertiu.
Calvo tamén destacou o novo servizo de asistencia virtual das Oficinas de Atención ás Vítimas, que permite realizar xestións por videoconferencia e evita desprazamentos. Ademais, sinalou que mediante un convenio co Consello da Avogacía Galega, as vítimas de violencia sexual teñen garantida a asistencia xurídica gratuíta por profesionais especializados. Outro dos asuntos abordados foi a implantación do Plan Senda 2025, que impulsa a dixitalización da Administración de Xustiza. “Cómpre avanzar na modernización malia os riscos que supoñen as novas tecnoloxías. Apostamos por un expediente xudicial electrónico eficiente e seguro”, dixo o conselleiro.
A carreira profesional do persoal ao servizo da Xustiza tivo tamén espazo nas xornadas. Galicia foi pioneira na súa implantación a nivel autonómico, segundo explicou Calvo, retribuíndo a progresión profesional en condicións semellantes ás doutros empregados públicos. Outro dos focos de interese foi a Lei estatal de eficiencia organizativa, aprobada en 2025. A norma introduce cambios significativos na estrutura dos órganos xudiciais, como a creación das Oficinas de Xustiza nos concellos, que substitúen aos xulgados de paz. “Galicia está preparada para aplicar a reforma. Xa aprobamos o deseño das oficinas xudiciais e os cadros de persoal dos rexistros civís, malia que o Goberno central non transferiu os fondos necesarios”, apuntou o titular de Xustiza.
A programación incluíu tamén relatorios sobre os Medios Adecuados de Solución de Controversias (MASC) como alternativa aos procesos xudiciais tradicionais e sobre os riscos asociados ao uso das novas tecnoloxías na tramitación xurídica. Participaron maxistrados do Tribunal Supremo, un expresidente do CGPJ, representantes do Consello Consultivo, a exdirectora da Axencia Española de Protección de Datos, a coordinadora do proxecto para implantar os Tribunais de Instancia e o presidente da Sala Anticorrupción da Corte Superior de Xustiza de Lima, entre outros.
As xornadas están dirixidas polo letrado da Administración de Xustiza Román García-Varela Iglesias e polo catedrático de Dereito Mercantil Carlos Lema Devesa. Celebráronse por primeira vez no ano 2007, a iniciativa do maxistrado Román García Varela, e mantéñense dende 2013 en memoria do xurista sarrián, falecido ese mesmo ano. A consolidación do encontro como foro de análise e reflexión xurídica de alcance estatal, unido á calidade dos seus contidos e á participación de especialistas de primeiro nivel, contribuíu a que a cita sexa considerada un referente tanto na comunidade xurídica como no eido institucional.•





