
O Concello de Pantón presentou esta semana a programación da XXXVI edición das Xornadas da Rota do Románico, que se desenvolverán entre o 29 de xuño e o 30 de agosto. O acto tivo lugar na igrexa de San Miguel de Eiré e contou coa presenza do alcalde, José Luis Álvarez, a concelleira de Cultura, Cristina Domínguez, a coordinadora das xornadas, Flora Enríquez, e a representante do Fest Clásico Ribeira Sacra, Luz Barriga. A primeira cita será este domingo, 29 de xuño, cun concerto do dúo Peitoescuro no xardín do Mosteiro cisterciense de Ferreira. O 4 de xullo, a Casa da Cultura acollerá a presentación da reedición do libro Cantigas e Cantos de Pantón, de Manuel María, con actuación musical incluída. O día 11, o politólogo Sergio Martínez Cotos ofrecerá unha conferencia sobre Cruz Puente Ordax, veterano de Cuba e exalcalde de Pantón. O 18 de xullo presentarase o VII Fest Clásico Ribeira Sacra e inaugurarase a exposición Ribeira Sacra Cultural, coa intervención do pintor Modesto Trigo. As dúas últimas citas serán concertos: o 26 de xullo, Iria Folgado e un cuarteto de corda interpretarán a XIII Sinfonía no Mosteiro de Ferreira; e o 30 de agosto, un sexteto de corda actuará na igrexa de Santo Estevo de Atán con obras de Kodaly e Brahms. O alcalde destacou a importancia destas xornadas para a dinamización cultural e turística do municipio, mentres que Flora Enríquez lembrou que “desde que comezamos nos 90 cambiaron moito as cousas. o noso patrimonio non son só os templos, senón tamén a paisaxe, os ríos, os viños e a arquitectura popular. Todo iso e a xente, forman o noso patrimonio. Todos podemos colaborar na súa conservación e transmisión””.
Todas as actividades desta XXXVI edición da Rota do Románico de Pantón son de acceso libre e gratuíto, e contan co apoio da Deputación de Lugo e do Fest Clásico Ribeira Sacra. •