Monforte converterase o 7 de setembro en meta da 15ª etapa de La Vuelta

La Vuelta contará cunha achega de 100.000 euros da Deputación de Lugo e terá como protagonistas a Montaña e a Ribeira Sacra, cun destacado impacto económico e promocional para o territorio
José Tomé Roca, Javier Guillén e José Manuel Mougán durante a presentación de La Vuelta. Foto GPCM

A cidade de Monforte de Lemos acollerá o próximo 7 de setembro a meta da etapa 15 de La Vuelta 2025, unha das probas ciclistas máis prestixiosas do calendario internacional. Así o anunciaron este luns o presidente da Deputación de Lugo e alcalde de Monforte, José Tomé Roca, e o director de La Vuelta, Javier Guillén, durante a presentación oficial celebrada na Casa Consistorial da localidade.
O tramo lucense desta edición atravesará nove municipios da provincia: A Fonsagrada, Baleira, Castroverde, O Corgo, Láncara, Sarria, O Incio, Bóveda e finalmente Monforte, onde rematará unha xornada que se anticipa longa, esixente e cunha gran visibilidade mediática. A Deputación de Lugo contribuirá con 100.000 euros ao financiamento do evento, que este ano terá como referentes principais os escenarios naturais da Montaña e da Ribeira Sacra.
“Que Monforte volva ser final de etapa nun evento do prestixio de La Vuelta non é casualidade. É o resultado dunha aposta firme e sostida da Deputación de Lugo polo deporte como motor de promoción territorial e desenvolvemento económico”, afirmou Tomé Roca.
O mandatario provincial resaltou que esta nova presenza de Lugo no percorrido da carreira é froito dun traballo continuado de patrocinio e colaboración institucional, que permite consolidar a imaxe da provincia como un referente habitual nesta cita deportiva de alcance mundial.
A etapa 15, segundo explicou o presidente da Deputación, discorrerá por unha gran diversidade paisaxística, desde os altos da montaña ata os vales da Ribeira Sacra, ofrecendo unha ampla mostra da riqueza natural e patrimonial do territorio lucense. “Será unha etapa longa e esixente, que discorrerá por paisaxes espectaculares antes de rematar aquí, en Monforte.
Un percorrido que non só poñerá a proba a resistencia dos ciclistas, senón que tamén amosará ao mundo a beleza e a diversidade da nosa provincia”, destacou.
Ademais do impacto deportivo, Tomé puxo o foco no retorno económico e promocional que supón para a provincia acoller unha etapa de La Vuelta. “Mobiliza a máis de 3.000 persoas entre organización, equipos e medios. Só en impacto económico directo, segundo informes técnicos, esta etapa pode xerar máis de 1,9 millóns de euros, e un retorno total superior aos 3 millóns. E isto sen contar o incalculable valor promocional de máis de tres horas de retransmisión televisiva en 190 países, cunha audiencia global de arredor de 400 millóns de persoas”, apuntou.
Neste sentido, o alcalde de Monforte fixo fincapé na oportunidade que representa esta cita para dar a coñecer a nivel internacional o patrimonio, a cultura e o modo de vida da provincia de Lugo. “Vese a nosa identidade, a nosa cultura, a nosa forma de vivir. Vese a provincia de Lugo como destino turístico sostible, de calidade, respectuoso co medio ambiente e cheo de experiencias auténticas”, subliñou.
Tomé Roca encadrou esta acción dentro dunha estratexia máis ampla de promoción do territorio. “A presenza de La Vuelta aquí é unha acción estratéxica de promoción turística, un investimento que reforza a nosa marca territorial. E facémolo tamén pensando na xente: porque queremos que este evento implique á veciñanza, que sexa un motivo de orgullo colectivo, e tamén unha oportunidade para a nosa hostalería, o noso comercio e os nosos pequenos negocios”, indicou. E concluíu o Alcalde de Monforte cunha mensaxe de confianza: “Este 7 de setembro, volveremos facer historia”.
Pola súa banda, Javier Guillén, director da proba, tamén quixo destacar o valor desta etapa no conxunto do calendario da Vuelta 2025. “A etapa 15 é un 7 de setembro e unha etapa de domingo, algo moi importante para o seguimento in situ ou popular que poida ter”, sinalou. Guillén explicou que será unha etapa moi esixente desde o primeiro momento. “Ten dous portos de montaña desde o seu inicio, 170 quilómetros nos que non hai un só metro chan. Pódese pensar que é unha etapa para os sprinters, pero coa carga de cansazo e co terreo que temos será unha etapa emocionante e aposto que gañará un grupo reducido de corredores”, avanzou.
Á presentación tamén asistiu o concelleiro de Deportes de Monforte, José Manuel Mougán, quen puxo en valor a implicación do Concello para que a cidade sexa escenario dunha das metas máis esperadas da competición.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Pantón celebra a XXXVI Rota do Románico con música, historia e patrimonio

Seguinte Nova

Monforte e Sober acolleno Encontro Nacional de Emprendedores Creativos

Últimas noticias sobre DEPORTES

A SD Sarriana fai historia

Gonzalo L. Torres O pasado domingo púidose vivir en Sarria uno deses máxicos momentos de identidade e comuñón entre as persoas ao
Ir aInicio

Don't Miss