
A doutora Rosa Rodríguez Álvarez, natural do concello de Sober, figura entre as cinco persoas distinguidas este ano coa Medalla Castelao, un dos máximos recoñecementos civís que outorga a Xunta de Galicia. O Consello da Xunta aprobou esta semana a concesión da distinción, que recoñece a súa traxectoria de máis de tres décadas como médica de familia no centro de saúde de Adormideras, na cidade da Coruña, onde vén de iniciar a súa xubilación.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou que a doutora Rodríguez representa “a dedicación e constancia” do persoal sanitario galego, e subliñou o seu compromiso co sistema público de saúde ao longo de 35 anos de servizo. A súa figura foi elixida como símbolo do labor que desenvolven os profesionais da Atención Primaria en todo o territorio galego.
A Medalla Castelao é unha condecoración de carácter civil outorgada ás personalidades e institucións que destacan polo seu traballo no eido artístico, literario, deportivo, económico ou intelectual. A entrega das terá lugar o 28 de xuño, coincidindo co aniversario da aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia e do regreso dos restos de Castelao á comunidade. Xunto a Rosa Rodríguez, tamén foron galardoados o grupo musical Luar na Lubre, o escritor Víctor Freixanes, o empresario Emilio Pérez Nieto e a Asociación Galega de Afectados de Esclerose Lateral Amiotrófica (Agaela).•
hola que tal